Volven os vellos oficios

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

07 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A nai sae da librería turrando do rapaz, que protesta, porque quere os libros novos. «Son 60 euros», respóndelle a muller. «Terás que apañarte sen eles, coma faciamos nós, ou buscar un chambo onde os aluguen». A conversa é verídica, o pasado xoves, en Pontevedra. No chambo das ruínas de San Domingos, cando eu era rapaz, a carón da Alameda, alugaban novelas e libros de texto. Dous reás pola fin de semana.

Disque algúns concesionarios de venda de automóbiles empezan a abrir unha nova liña de servizo consistente en recuperar os vellos mecánicos para arranxar os coches e poñelos a andar, ou ver de lle dar unha volta á maquina e seguir empuxando. Ultimamente tiñas un problema con calquera chilindrada, que na época dos nosos pais se arranxaba case que na casa, e xa había que cambiar todo o equipo, empaquetadiño de fabrica. A nova liña reivindica a cultura do apaño. Non son casos illados. Serve tamén para a maquinaria agrícola. A oferta empeza a ser máis común do que parece.

Volven as costureiras. Ata hai pouco mercabas un vestido, un pantalón, unha chaqueta e, cando se gastaba, pasaba de moda ou tiña algún problema, mercabas outra. No lugar onde vivo, volven as costureiras. «A xente non ten cartos para máis. Empecei eu soa e agora traballa comigo a miña nora e máis a miña filla. E non damos feito. Aquí a crise non existe». Outrosí os zapateiros. Coñezo o caso dun rapaz, con formación universitaria, que empezou traballando o coiro porque lle gustaba (pequenas fantasías, cinturóns, complementos de deseño). Duns meses para acó, a demanda está nos zapatos: tapas, tacóns, mediasolas «Tráenmos desfeitos e devólvollos novos, para outra tempada». O meu amigo está pensando seriamente en ampliar o negocio porque non dá conta de tanto recado. Son algún exemplos.

Coa nova economía explicáronnos que a clave estaba na información e no coñecemento. A informática. Pero chegou a crise. E hai que sobrevivir. A nosa xente é experta na supervivencia. «Un porquiño debaixo da escaleira, un salido na horta para poñer uns grelos ou botar unas patacas, e aguantamos a Terceira Guerra Mundial», comentan os paisanos. A retranca do país. ¿Era este o futuro que nos pintaban? Os tempos veñen duros, certamente. As anécdotas que conto son algo máis ca anécdotas. Son rigurosamente certas. O lector pode tirar as súas propias conclusións.

No Libro Verde sobre Industrias Creativas (Comision Europea, 2010), que en principio parecía a alternativa para afrontar a crise dende o Vello Continente, os redactores insisten na necesidade de dispor de investimentos públicos para o desenvolvemento destes horizontes novos: formación de capital humano e tecnoloxía. Tales investimentos desapareceron, polo menos nos países da nosa contorna. Os excedentes das vacas gordas gastámolos en fastos e ladrillos, contedores suntuosos (todas as Cidades da Cultura), carcasas baleiras... ¿E agora que? O meu amigo Xosé Manuel, que anda colgado todo o tempo dos avión recórdame que non esqueza outro vello oficio que tamén volve: os emigrantes.