Crise e manipulación

Xosé Manuel Sánchez Aguión AL DÍA

OPINIÓN

A s políticas de recorte dos Gobernos de Mariano Rajoy e de Núñez Feijoo son responsables da redución en máis dun 60 % das partidas orzamentarias destinadas a formación para o emprego, furtándolles ás persoas desempregadas que procuran traballo o dereito de melloraren a cualificación profesional, ocasionando un gravísimo problema a quenes xestionan e desenvolven eses proxectos formativos. Neste escenario enmárcase a difícil situación da fundación Forem de CC.?OO. de Galicia.

Ante os recortes orzamentarios impostos, a vontade da dirección de Forem foi preservar o maior número posible de postos de traballo nas mellores condicións posibles, a fin de seguir prestando este servizo ás persoas desempregadas. Por iso, abríronse canles de comunicación e diálogo coa representación legal do persoal e trasladóuselles a información económica, que recolle cómo os recortes en formación impiden continuar coa actividade habitual, e obrigan a un grande axuste económico, tanto de gasto como de persoal e locais.

Hai pouco iniciouse a negociación do expediente de regulación de emprego, cos contactos previos necesarios entre a representación legal do persoal e a dirección de Forem. Esperemos que se poida chegar a un acordo, porque aínda que non satisfaga totalmente a ninguén, confiamos en que sirva para paliar a situación e manter a estrutura imprescindible para poder retomar a actividade normal en canto as partidas orzamentarias de formación para o emprego da Xunta e do Estado volvan ser coherentes co obxectivo que perseguen: servir de ferramenta para os desempregados á procura de traballo. É o obxectivo da dirección de Forem.

Estanse a caracterizar, e non precisamente de maneira responsable, quen pretende aproveitar esta situación de dificultade da fundación de CC.?OO. de Galicia para confundir e mesmo para atacar ao sindicato. Se para o Partido Popular, nos ámbitos galego e estatal, as partidas orzamentarias para formación para o emprego están dispoñibles para agasallar os empresarios afíns -como sinalou a dimitida Esperanza Aguirre ao anunciar partidas para emprendedores empresariais, e non para persoas desempregadas que buscan traballo-, terán que ser eles quen expliquen este novo ataque a quen máis sufre a crise.

Só desde descoñecemento interesado das normas laborais é posible afirmar que a intención da dirección de Forem é aplicar a reforma laboral na resolución deste ERE. Ante esta insidia -refutable facilmente- respondemos categoricamente: son a Xunta e o Goberno os que obrigan a Forem a non poder manter nin a súa actividade nin a súa estrutura habitual; son eles quenes impoñen a necesidade de negociar e aplicar un ERE tan traumático.

Os traballadores e traballadoras saben que tanto as reformas laborais recentes, como os recortes impostos polos Gobernos do Partido Popular teñen en CC.?OO. a maior das oposicións posibles, e que esta se manifesta nas empresas e nos sectores onde desenvolvemos o noso labor sindical. Así quedou de manifesto nas impresionantes mobilizacións desenvolvidas en Galicia durante todo este ano, ou como se puido constatar o pasado 15 de setembro en Madrid, cunha masiva participación de compañeiros e compañeiras de CC.?OO. de Galicia.