Teoría da táboa de surf

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

16 sep 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Empezan as clases e intento explicárllelo aos meus alumnos. Pídolles unha reflexión sobre cómo se ven a si mesmos dentro de vinte anos, e manda o pesimismo. Tampouco é ningunha sorpresa. A xeración que entra agora na universidade faino nun clima difícil, que se respira na casa, nas familias, entre os amigos, nos medios de comunicación, e que certamente non está para foguetes. Unha das alumnas, á que lle gustaría traballar no ámbito da comunicación, remata dicindo: «Se cadra acabarei no sector do marisco, igual que a familia». Ponlle ao relato esa pingadela de humor que, como dicía Vicente Risco, «é a defensa dos indefensos».

Mais eu intento que o vexan doutra maneira. Nunca a resignación, nin o pesimismo, nin a derrota arranxaron nada. Malia as dificultades, o mundo segue sendo deles. O ministro Xosé (ministro do faraón no relato bíblico) advírtenos que os ciclos veñen de sete en sete anos. Tamén as ondas do mar da Lanzada veñen de sete en sete. Se o aceptamos así e botamos contas, poñémonos no 2015. Sete anos. As vacas fracas do faraón. «Tedes ese tempo para prepararvos», dígolles.

Porque detrás das vacas fracas volverán as gordas, igual que veñen as ondas á praia. Ou polo menos as medianas, que os especialistas datan arredor do 2020, cun crecemento da economía española do 2 % (Fundación Ideas). Xa nada volverá ser como antes, certo, mais haberá novas oportunidades, novos modelos que se cadra aínda non albiscamos, pero que están aí. Cómpre, xa que logo, empezar a repartir responsabilidades. Á xeración dos pais, que vivimos o crecemento anterior, correspóndenos o sacrificio de termar do barco para que non naufrague. Á xeración dos fillos corresponde o esforzo da formación e a capacitación.

E ocórreseme a imaxe da táboa de surf. ¿Qué pasará cando volva de novo a onda, o novo pulo da marea, que tanto agardan os surfistas? Poden suceder dúas cousas: que nos pille en condicións, instalados enriba da táboa para empoleirarnos na vaga boa, ou que nos pille debaixo. Daquela si que estaremos acabados. Temos, teñen entre cinco e seis anos para adestrarse no manexo da táboa: coñecemento de linguas, incorporación ás novas tecnoloxías, espírito emprendedor, seguridade nas propias iniciativas (viaxando polo mundo, mesmo traballando ás veces no que cadre, establecendo contactos con outras realidades), formación especializada? A iso debemos empuxalos.

Alguén dirá: ¿e todo iso como se fai se o tecido industrial se estraga e non hai recursos? Esa é a responsabilidade dos gobernantes: a formación dese novo capital, investimentos estratéxicos (non a curto prazo), educación, estímulos económicos para desenvolver dende a sociedade civil proxectos de recambio, concursos públicos e abertos, non café para todos, que non conduce a nada? Falta saber se estaremos (os máis vellos) á altura das circunstancias.