Morte en Bengasi

Miguel-Anxo Murado
Miguel-Anxo Murado ESCRITO EN CAFETERÍAS

OPINIÓN

13 sep 2012 . Actualizado a las 23:53 h.

S e os mortos teñen a capacidade de rir, como en Memorias dun esquelete de Castelao, Gadafi debe estar rindo agora mesmo. Chris Stevens, o embaixador norteamericano asasinado onte en Libia, foi precisamente a persoa que coordinou a entrega das armas coas que os sublevados o derrocaron o ano pasado. E agora el ven de morrer a mans deses mesmos sublevados e polas mesmas armas que el lles deu.

Mesmo a morte do embaixador non foi seguramente moi distinta que a do propio Gadafi. Os esforzos dos voceiros oficiais por crear confusión onte fan pensar que en realidade o lincharon. Hai imaxes pero as televisións non as poñen, como puxeron, sen embargo (con certa satisfacción, todo hai que dicilo), as do martirio de Gadafi. É a lei da guerra: o cadáver do inimigo é un botín que se exhibe e se profana, o cadáver do propio combatente é sempre sagrado.

Os medios presentan todo este drama como o resultado dunha banalidade: un empresario inmobiliario israelí necio que vive en California produce unha película coa intención de ofender aos musulmáns, e Internet obra o milagre fáustico de destruír un consulado e as vidas de varias persoas nun país a miles de quilómetros. Son as nosas fábulas contemporáneas. Parécennos verdade porque queremos que sexan verdade, porque nos fascina a idea de que a tecnoloxía teña ese poder case máxico, e porque preferimos debates morais simples: liberdade de expresión, fanatismo, imprudencia.

Pero estas mortes non sucederon en calquera sitio senón en Libia, un país que acaba de saír dunha guerra civil e está xa metido noutra. O grupo que matou ao embaixador leva meses colocando bombas e leándose a tiros cos seus rivais. O filme é un adorno, por si só no tería provocado nada, igual que os disturbios polas caricaturas de Mahoma só foron graves en Afganistán porque en Afganistán xa había guerra. A violencia ten a súa xeografía, e o fanatismo, por si só, raramente mata ou o mundo estaría despoboado.

Non. A morte do embaixador Stevens non significa que vivamos nun mundo global no que un parvo en California pode afectar a vida duns homes en Bengasi senón todo o contrario: que vivimos nun mundo extremadamente local no que cando un se mete na guerra doutro país está xogando a un xogo do que non coñece nunca as regras nin as consecuencias. Normalmente, non sae ben.