C laro. Hai que ter en conta as razóns humanitarias. Sempre. Para iso somos humanos, e non animais. Con Bolinaga vanse poñer en práctica, para concederlle a liberdade condicional. As mesmas condicións caritativas das que fixo uso el cando secuestrou a Ortega Lara e asasinou a sangue frío a tres gardas civís. Idéntico procedemento. Que lle falen de razóns a esas familias, que van entender á perfección esta liberdade. Porque está enfermo, si. Terminal. Enfermo mental é o que é. Unha persoa nos seus cabais non sería quen de privar da liberdade ou da vida a outro humano. E el fíxoo. Sorprende a rápida xuntanza para solicitar e reivindicar de xeito unánime a necesidade e xustiza desta excarceración. Deberamos aprender e manifestarnos esixindo procesos xudiciais serios e cumprimento de condenas íntegras. Xuntarnos e facernos oír coma unha voz alta e firme. É incrible tamén que Ruiz Mateos alegue falta de saúde para ir ao xuízo, e poida aparecer nun plató de televisión, feito un pincel. A este paso non chegamos ao ano como sociedade. Unha mágoa, pois no 2013 non subirán o IVE. Non o entendo. Se é tan boa medida, ¿por que non seguir? Iso si, se as circunstancias cambian, como xustificaron neste ano, igual volve aumentar. Mellor calar e baixar a cabeza. Somos así.