H ai dúas maneiras de afrontar a disputa electoral, xa que estamos outra vez metidos en fariña. Unha é dende a visceralidade. O instinto básico da afirmación propia e a negación sistemática do contrario así diga este o que diga. Apelación emocional á causa que compartimos, que ás veces se vive como unha relixión: dogmas de fe e fidelidades inquebrantables. Consignas e bandeiras. O da relixión paréceme importante. Hai quen segue a confundir a política coa relixión, aplicando os principios da fe (crer o que non vemos) onde debería mandar a racionalidade e o libre albedrío. Dentro da parroquia seica todos nos sentimos máis seguros. Igual que hai quen concibe a confrontación coma un partido de fútbol, coas bancadas cegas coa paixón da camiseta. ¿Canto levantan os xogadores da equipa (os deputados) por saltar ao campo? Iso ninguén o pregunta. O que importa é gañar o partido e machacar o contrario (aínda que ás veces xogue mellor ca nós).
A outra maneira é a racionalidade. Non é doada, porque a paixón forma parte da política (e da condición humana), pero é o principio sobre o que se sostén a democracia. O voto é de cada quen, de cada individuo, home ou muller, e é dende o voto dende onde se exerce a soberanía. Distancialo da paixón, da visceralidade emocional que tanto nos condiciona, é un exercicio de saúde mental tan útil como necesario.
¿Que lle pedimos aos partidos? En primeiro lugar, que non mintan, que sexan honestos con eles mesmos e cos seus votantes. Mentiras son tamén as verdades a medias, ou as verdades que se ocultan ou disimulan. Os tempos que vivimos esixen unha transparencia, unha honradez de discurso que desgraciadamente non vemos. En segundo lugar, que poñan ideas enriba da mesa, non descualificacións primitivas, xa non digamos insultos fáciles ou calumnias (que na campaña anterior houbo moitas). Ideas e políticas concretas. E se non as teñen, porque nalgunhas cuestións non é doado, fórmulas para construílas.
Xosé Manuel Beiras ten razón cando di que vivimos un tempo certamente excepcional, que se cadra require medidas e actuacións excepcionais. Tamén ten razón cando di que a cuestión que nos afecta non atinxe exclusivamente a Galicia, é unha cuestión de Estado. Eu diría máis: é unha cuestión europea. Tamén nosa, por suposto, pero que imos ter que discutir e defender no marco común europeo. Unha das nosas carencias máis graves, dende hai tempo, é a ausencia dunha política clara neste sentido. Os nosos partidos tenden perigosamente á endogamia (o mercado interior), enrocados en si mesmos, encerrados no intereses locais e esquecendo, por preguiza ou por falta de ideas (se cadra tamén por medos, inseguridades, prexuízos), que as solucións, mesmo o cambio de modelo, que se cadra hai que ir por aí, atinxe a ese espazo común ao que pertencemos e no que depositamos hai tempo unha parte importante da nosa soberanía. E estou a falar do galeguismo, do nacionalismo, esa forza necesaria que, por unha razón ou por outra, non acaba de atopar o camiño.