O que máis me gusta dos Xogos Olímpicos é ver como se pon de manifesto o valor do sacrificio e traballo. E o bo sentido de equipo, de dar o mellor de cada un para conseguir o logro de todos. Axuda, constancia e tenacidade. E espírito de superación.
Un dos exemplos máis ilustrativos é o de Gómez Noya. Foi compañeiro de aula da miña irmá. Recórdao coma un rapaz tímido e calado. Discreto ata a saciedade. Igual de prudente entrou un día en clase coma abandonou a escola para dedicar corpo e alma á súa paixón, o deporte.
Practicamente ao comezo da súa carreira, foi case excluído das competicións por problemas físicos. Aseguraban que o seu delicado corazón non soportaría os esforzos necesarios para competir nas carreiras. Pero el empeñouse en demostrar o contrario. Custoulle, pero ao fin logrouno. Xamais amosou a súa rabia en público, que debía canalizar nas veas, e consumila a base de adestramentos cada vez máis duros. As pasadas olimpíadas non as disputou con saúde, pero este ano puido compensar, por fin, tantos anos de espera. Tan só a tenacidade pode acadar estes logros.
E sempre cun sorriso, sempre con boas palabras. Xamais cun reproche, cunha queixa, aínda que tivera motivos para facelas.
Eles si son un exemplo a seguir. Todos. Con ou sen medalla. Un orgullo para nós ademais de Javi, David Cal, Támara Echegoyen, Sofía Toro e Begoña Fernández.
O traballo e a loita lévannos ao éxito. Difícil de crer nestes tempos, nos que o desánimo o inunda todo, pero aínda posible. Debemos crer niso.