Nacionalismo sen patria

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

31 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

G aleguismo sen país. Iso foi o que definiu para os pesimistas o nacionalismo galego, construído na emigración primeiro e no exilio despois, agás o tempo republicano. Nos últimos corenta anos, labrou contra vento e marea a posibilidade do autogoberno e aproveitou a construción dunha cultura contemporánea de seu para darlle expresión política ao país. Gobernarmos a nosa terra sen limitarmos o mundo, foi o lema e a teima, para os optimistas. Pese ao seu carácter politicamente minoritario, con Albor, con Barreiro, con Laxe, con Fraga -¡cousas veredes!-, con Touriño e con Quintana construíuse a autonomía da nacionalidade histórica e un espazo de benestar. Tamén con toda a oposición, porque ningunha houbo en todo este tempo que procurara a reversión do autogoberno político e dos progresos que o acompañaron. A patria de acó é un espazo de convivencia, hoxe ameazado.

Neste contexto de ameaza é no que a expresión política do galeguismo nacionalista está a reconfigurarse, esgazada en dúas polas. Unha definida pola matriz da UPG e a outra, o BNG que abandonou á UPG, anda aínda debullando o futuro á busca da súa expresión neste tempo no que non hai tempo. Anova + Galiza valería ben como fórmula de compromiso polo país. Nisto si que non hai alternativa, por varias razóns. Primeiro por esa ameaza contra a mesma autonomía que presenta urxencias inaprazables. Segundo, porque a urxencia non é a definición senón a capacidade de facer propostas e dar alternativas nun mundo que muda máis axiña que as páxinas dos xornais. As condicións de solución desta crise, contra as maiorías sociais, son máis determinantes que calquera definición no arco político convencional. Terceiro, porque os votantes queren dar votos por escanos. Todos saben as contas, aínda que algún cociñe inquéritos. Este é un país vello no que todo é coñecido. Por iso urxen novidades. O entendemento sería unha delas. Sempre houbo quen preferiu asombrar as leiras do veciño aínda a costa de estragar as propias plantando árbores de sombra. Pero os votantes non o perdoarán e diso se trata. O resultado nas eleccións determinará calquera solución para o país. Se a nova póla do nacionalismo logra ocupar o seu espazo e outros novos, se lle vai ben ao Bloque co electorado que logre asegurar, se o PSOE sae reforzado das primarias, haberá confianza nunha alternativa. Se non haberá abstención.

Neste marco de crise que afecta á maioría dunha forma xenuinamente reaccionaria, no que alenta a recentralización españolista, é no que o nacionalismo como expresión política do galeguismo ten que resolver a súa propia crise. Para que haxa patria ten que haber patriotismo cívico. Por iso non hai alternativa. O Bloque consolidará un electorado de seu e a nova forza terá que demostrar a capacidade conxunta de ampliar eses espazos. Beiras e Bascuas, Martiño, Pérez Bouza e Táboas, terán que entenderse porque o tempo non lles permite outra cousa. Non hai texto que poida máis que este contexto.