Omeu pai levantouse sempre ás seis da mañá para ir traballar; regresaba á noite. Miña nai encargouse da familia, tarefa na que persevera a pesar da saúde e dos anos. Os meus tíos emigraron a Alemaña nos sesenta, saíron adiante traballando de sol a sol. Eu, para estudar na universidade, traballei nas vacacións. Esta anécdota particular non é única, é suceso común no país dos galegos. Aquí estamos acostumados a saber que a historia non resulta fácil. A historia que tantas veces nos negou e tantas, aínda, nos nega. Os tópicos inxustos sobre Nós, esa teima de vernos agora no medio da escaleira (¿sobes ou baixas?) ignorando que subimos: porque xa nos abondou baixar ao longo das idades e séculos. Por todo isto sei que os galegos sairemos da crise: con ánimo e tesón, como a cotío fixemos. En realidade, vivimos frecuentemente en crise. Soubemos saír dela. Este é un país con coraxe, intrépido. As verdadeiras traxedias son outras. Non que caian a Bolsa, finanzas, o nivel de vida, ou que Europa teña que rescatarnos: a Nós, que fomos quen rescatamos, emigrante por emigrante, a Europa. As verdadeiras traxedias escríbense no corazón e na pel, con lume e puñal. Son as que non poden borrarse e enchen de bágoas, como cristais, a alma. Saber que unha nena de dous anos perece nunha piscina de plástico. Que non volverá repetir as primeiras palabras, correr polo corredor da casa, abrazarse a aqueles que cambiarían a súa vida por un, só un, dos seus abrazos. A tristeza infinita de non volver a acariñala. Os teus bicos, dedos, pelo, ollos. A traxedia de verdade é que ti non esteas aquí. Toda luz, Cristina.