Aznar, Rajoy e o «Prestige»

Xavier Alcalá< / span> A VOO DE TECLA

OPINIÓN

26 jul 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

O s ilustrados dicían que «poder naval é poder mundial». A Gran Bretaña conservouno e España perdeuno, se cadra porque cando un comandante británico perdía o barco tiña que xustificarse ante consello de guerra mentres os mariños españois eran exculpados. Agora, cando España se afunde furada a canonazos de especulación internacional, seica non se debe ollar cara atrás e procurar culpables.

Mais sempre houbo españois con memoria e hoxe hai quen lembra a orixe do desastre. Primeiro foi «Señor González, váyase»; despois, «España va bien». Díxoselle que non: José María, que así non se vai a ningures; que temos que inventar e producir, que van sobrar casas...

Non atendeu, e acabou o seu reinado cun afundimento que xustificaría consello de guerra: o do Prestige. Por iso, agora, cando lles quere botar todas as culpas ao Zapatero e os seus homes de palla con lume (o Solbes volveu a Bruxelas porque se queimaba), cómpre lembrarlle o desastre e quen o axudou a xestionalo. O Paco Cascos afogou no pozo do Principau, pero o Mariano, o dos «hilillos de plastilina», é quen nos leva contra os escollos.

Señor Aznar, cale; non diga parvadas lonxe, en Puerto Rico. Veña á Costa da Morte e atrévase a cuantificar ante un pobo obnubilado pola burbulla inmobiliaria do aznarato os miles de millóns, asinados por vostede, que afundiron co Prestige.