Converter en mercadoría saúde, educación, pensións...

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

18 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A crise actual empezou nos Estados Unidos (2008), ligada aos créditos subprime para adquisición de vivendas, imposibles de devolver. Manifestouse como crise financeira en Europa e puxo á vista os problemas do sistema. Sófrese máis onde a burbulla inmobiliaria foi o fundamento do crecemento destas décadas e o baseamento preferente dun sistema económico pouco produtivo. As reaccións fronte á crise en Europa foron demoradas en moitos países e a UE non deu atopado a forma de atallala coa definición de políticas comúns. En Estados como o español ou o italiano, cando os Gobernos de xestión ou de dereita chegan ao poder, aplican medidas cun sentido inequívoco: converter en mercadoría a educación, a saúde e os servizos sociais. Amplos sectores da actividade que o Estado do benestar deixara á marxe do mercado nun longo proceso histórico que percorre o século XX, convértese no ideal do modelo europeo na posguerra mundial e bandeira política da UE.

O ideario económico, vestido de MBA de business school, que avala esta orientación vense predicando en diferentes versións dende a escola de Chicago. Tamén en versións políticas que arraigan na revolución conservadora anglosaxona da década de 1980 con Reagan e Thatcher. As dereitas europeas continentais atoparon nesta crise a conxuntura idónea para aplicar medidas que antes non podían contar con aval social nin político nas sociedades democráticas europeas identificadas coa marca do Estado do benestar. Estas medidas adoptan en cada país características propias; no caso español, a obsesión aristocrática contra a suposta vagancia dos que non teñen traballo, o empeño recentralizador dun españolismo que nunca asumiu as autonomías ou a teima antipolítica dunha tradición antidemocrática desgraciadamente arraigada. Co alibí da austeridade, entendida como aforro «despois de gastar o que non tiñamos» e «vivir por riba das nosas posibilidades», as medidas levan a un cambio de modelo. Buscan reducir o papel do Estado como prestador de servizos porque «é un luxo que non nos podemos permitir» e abrir a opción de que sexan pagados por quen poida facelo.

A dereita económica e política confía cegamente, xaora, en que estas medidas reactiven a economía e creen emprego. Abrindo ao mercado -privatizando- estes novos campos de actividade, amplíanse as posibilidades de negocio choídas pola crise. E se non temos investidores aquí xa virán de fóra, ao xeito de Eurovegas. Unhas clases medias máis reducidas deixarán de ser atendidas polo Estado de benestar e pasarán a pagar todos os servizos ¿Que pasará cos demais?, ¿cantos non poderán pagar os bens e servizos que non prestará o Estado? Seguramente, de materializaren este cambio de modelo, a consecuencia será o empobrecemento de amplas capas, o aumento da pobreza sistémica con máis sectores fóra de cobertura social. Mais desigualdade. Un cambio de modelo pero non unha novidade: reactivaranse a caridade e as subprime.