Unha mina e un misterio

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

11 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A xente sorpréndese de que o ladrón do Códice Calixtino roubara case dous millóns de euros da catedral, sen que se decatara o deán. Quere dicir que deixaba dabondo para que o roubo pasara inadvertido, ou sexa, que aquilo é unha mina de ouro.

A min sorprendeume menos porque en Mondoñedo a miña familia tiña unha pequena capela cun Cristo que, dicía miña avoa, mesmo nos tempos de máis penuria, «sempre deu para si, e sobraba algo», malia que había que poñerlle a diario aceite da mellor calidade, porque senón non ardían as bolboretas. Así que o da catedral responde á lóxica e á psicoloxía dos crentes católicos.

O incomprensible é o que se vai sabendo do desleixo dos responsable dos tesouros da catedral: chaves en mans de operarios, escasas ou inexistentes medidas de seguridade, e ningunha denuncia á policía sobre obxectos desaparecidos.

Tamén é sorprendente que un ladrón que apuntaba os seus roubos nun caderno, e que vivía coma un rei cos pequenos furtos, se meta a roubar un obxecto imposible de vender. ¿Trátase dunha vinganza contra o deán que o despediu, ou hai alguén tras el? Transcendeu que hai afrontamento interno entre os coengos e o deán. Pode que se trate dunha vinganza, ¿pero de quen contra quen?