Capítulo último do Códice

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

D espois da viaxe de actualización 2012-2013, nós, o Liber Sancti Iacobi, feliz de ver Compostela convertida nun multitudinario centro cristián, engadimos esta glosa no folio derradeiro:

«Merque o peregrino un GPS. É un obxecto máxico que substitúe este humilde tomo. Ter GPS, con todo, non exime de usar os ollos: pode caer nun burato asinado por algo chamado ??Alcaldía?? ou pode atropelalo unha caixa de metal con rodas autopropulsada que abunda na zona.

»As fondas do XXI son mellores cás do século XII. A comida agora é abundante e regálase coa bebida: chámase ??tapa?? . O peregrino famento deberá finxir que non ten fame; o cristián ansioso xamais deberá mirar os ollos dos taberneiros da rúa de San Pedro ou da Raíña; calquera xesto que implique petición directa de comida será castigado co xexún. Neste punto recomendo deixarse acompañar dun autóctono experto, tamén chamado ñapas ou técnico en sistemas eléctricos.

»Un ñapas, ademais, introduciraos nos moitos cambios que afectan aos habitantes actuais destas terras. Agora os galegos dormen ao carón das caixas autopropulsadas nunhas casas chamadas rochos, rodeados de somieres, cemento, bicis sen rodas, peluches, caixas de cervexa, picos e martelos.

»Pidan ao ñapas que os guíe á catedral nova, sita no monte Gaiás, e preguen alí polos galegos».