Un ano sen Calixtino


O profesor López Pereira vén de publicar una nova edición da súa tradución á lingua galega do libro V do Códice Calixtino (Toxosoutos), una das xoias do noso patrimonio, desaparecido hai agora un ano en rocambolescas e escandalosas circunstancias das que aínda apenas sabemos nada. Rocambolescas por extraordinarias, casi inverosímiles, ao xeito do personaxe das novelas góticas de Ponson du Terrail. Escandalosas porque non sei cualificar doutra maneira nin os feitos que sucederon nin o silencio, a resignación, a aparente indiferencia con que un acontecemento desta significación está a pasar diante dos nosos ollos, en pleno século XXI. O próximo 7 de xullo cumpriranse doce meses dende a desaparición do Códice das dependencias da catedral compostelana.

Conta o profesor López Pereira como noutras épocas o Códice sufriu tamén atentados. En tempos de Felipe II, por exemplo, cando o monarca enviou a Galicia ao coengo cordobés Ambrosio de Morales coa encomenda de localizar e levantar documentos para a biblioteca do mosteiro de San Lorenzo del Escorial. O visitante ficou abraiado co relato do libro V, onde se dá conta das condicións e peripecias da peregrinación, o trato que recibían os peregrinos, as falcatruadas que alí se denunciaban, e todo quedou en nada. Pero a piques estiveron de levárnolo. Outrosí o informe do padre Mariana, pouco tempo despois, quen denunciou as inexactitudes e fantasías do libro IV (o pseudo-Turpín), o que acabou provocando que arrincasen esa parte do conxunto da obra e que durante una chea de anos andase perdido: o capítulo do pseudo-Turpin, ata que deu con el o historiador López Ferreiro nas profundidades do arquivo catedralicio.

Juan José Moralejo publicou no número 175 da revista Grial outro informe da mesma época no que o inquisidor de Valladolid, Quijano de Mercado, considera a posibilidade de levar para Madrid non o Códice senón ¡o propio corpo santo do Apóstolo!, polo aquel da concentración das reliquias arredor da Coroa, teima esta (a da concentración) que vén de vello, como se pode ver. Non desbota o noso querido Moralejo a posibilidade de que o ocultamento do corpo do señor Santiago polo arcebispo Juan de San Clemente en 1589 non fose para cubrirse das ambicións do monarca, que seica quería arramplar con todo, aínda que historicamente se fale do acoso ás costas galegas do pirata Drake, que polo que parece andaba ao mesmo. A saber cales poden ser as razóns desta desfeita de agora.

Vai facer un ano da desaparición do Códice. Debemos supoñer que as dilixencias policiais continúan, mais estaría ben algunha luz, algunha explicación oficial cando menos, logo de todo este tempo. Explicacións oficiais que non teñen por que descubrir liñas de investigación en curso, pero que parecen obrigadas pola significación do caso; e máis alguna demanda de responsabilidades, que non se fixo nin, que nós saibamos, se considerou.

Falamos dun dos símbolos capitais, case diría que fundacionais, do noso patrimonio, que equivale a dicir da nosa identidade colectiva.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos

Un ano sen Calixtino