Civilizar a España

OPINIÓN

É ben deprimente que un país se poña en estado de alerta se unha descerebrada calquera ten a ocorrencia de propoñer unha volta ao Estado centralizado, que manexe catro tópicos sen o menor fundamento para apoiala e que certa prensa, a maioría dela, tome en serio semellante proposta.

Tan estraño como iso pode ser que, ao mellor, esa proposta sexa un verdadeiro globo sonda saído do Goberno, pois esa sorte de frivolidades políticas cadran moi ben, non só coas maneiras de proceder deste, senón coas simplificacións políticas que loce unha e outra vez, moi propias do autoritarismo do que procede.

Un pensaba que máis de trinta anos de democracia terían contribuído a civilizar este país, pero resulta evidente que non é o caso. É como se houbese unha imposibilidade xenética para comprender a diversidade, para ver riqueza da complexidade, para amar a riqueza cultural do país. E algo máis: España ten unha incorrixible inseguridade como país e un medo que a leva ao exercicio dunha tutela sobre os demais sen ningunha lexitimación.

E prefire crear un problema onde non existe, porque, polo que semella, o que hai non cadra conforme cos prexuízos herdados e nunca verdadeiramente cuestionados intelectualmente. Por incapacidade manifesta para comprender o que hai, para encarreiralo e para encaixalo no conxunto. ¿Serán conscientes, na súa frivolidade, os que propoñen esa volta ao pasado do que significaría tanto recuar?

O medo á complexidade leva á simplificación. E a simplificación, en política, lévanos dereitos ao totalitarismo. Só de mentes totalitarias poden saír propostas como a antes dita.

Ese é o perigo que corremos: que o totalitarismo nos abafe de novo. Porque o problema que hoxe temos é o de sempre e non ten volta: civilizar a España.