A Europa necesaria

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

A lguén debería empezar a virar o rumbo. Ou polo menos introducir algunhas correccións na deriva. Os economistas falan da táctica do acordeón: apertar o fol ata tirarlle todo o aire para logo volvelo abrir con folgos renovados. Non o sei. Se cadra levámonos por diante os folgos e os acordes. Tampouco vou volver coa alegoría da vella camelia, chapodada (e morta) pola brava. Teño gastada a imaxe. Tal coma veñen os tempos mesmo as imaxes e as alegorías se gastan, sospeito que coa mesma velocidade coa que se van gastar os Gobernos. Velaí os primeiros apuntamentos parciais en Alemaña e na Gran Bretaña. Mais abofé que nestas condicións non é que a navegación sexa incerta, é que acabará facéndosenos imposible.

¿Qué vai pasar hoxe nas eleccións francesas? Non é doado de predicir. En calquera caso, sexa cal sexa o candidato triunfante (eu estou por Hollande), a división da sociedade francesa anuncia uns resultados certamente axustados. Nada que ver nin coa vitoria de Chirac no seu momento ni coa de Mitterrand. Así están as cousas A cuestión non é exclusivamente galega, nin española. O debate que dende hai tempo estamos a librar é un debate europeo: é Europa (a Unión Europea) quen ten que empezar a afrontar ese cambio que nos afecta a todos. Un novo modelo. E isto debería entendelo tamén a oposición (o BNG, o PSdeG entre nós), alén das políticas particularistas e endogámicas que padecemos. O que se faga (o cambio de rumbo necesario) ha ser una virada xeral, compartida por todos. Nin somos unha illa nin podemos pensar nunha solución particular que deixe fóra o conxunto. Queirámolo que non, formamos parte dun todo e as solucións que se adopten han ser necesariamente decisións do conxunto da política da Unión.

¿Estamos preparados para iniciar ese cambio? Cando hai algúns anos empezamos a participar no discurso europeo (nas eleccións ao Parlamento, na nosa representación nas instancias comunitarias) moitos dixemos que a política debía empezar a mudar, ampliando horizontes. Tamén a política do nacionalismo galego. Non somos una illa, repito. Ou nos salvamos todos ou naufragamos todos. Os beneficios da entrada na Unión foron obxectivos, pero a nosa política (tamén a política española) centrouse máis en intentar estrullar o ámbito doméstico, arrepañando o que viña, que en participar no deseño xeral do novo espazo político no que nos instalamos. Un espazo que está a medio facer e no que faltan ideas e, por suposto, liderados. Primeiro as ideas e logo os liderados.

Digo que estou por Hollande non tanto porque acredite cegamente nas súas solucións como pola necesidade dese cambio: una nova ollada sobre a realidade, distinta da estratexia neoliberal e cortoplacista do actual discurso dominante, liderado pola dereita máis brava. Precisamos dun novo discurso, que cómpre empezar a preparar, a discutir, a argumentar e documentar no ámbito xeral da UE, que nos acolle e nos condiciona a todos, mesmo deseñando futuras alianzas, que tamén haberá que concretar. Nunca Europa foi tan necesaria.