A peste

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Teño medo da peste. Desde que sei que aos funcionarios non lles van pagar o soldo íntegro durante boa parte das baixas por enfermidade, non durmo. «Foi bonito mentres durou, au revoir», digo na escuridade do meu cuarto mentres penso no colapso do país, e acto seguido fago un repaso mental das farmacias próximas para, á xaponesa, mercar un cargamento de máscaras cirúrxicas que, dadas as circunstancias de recopago dos medicamentos, tamén provocarán o colapso da miña (xa esnafrada) economía.

Todo comezou o día que fun compulsar uns documentos e a funcionaria me esbirrou na cara. «Perdón», dixo mentres sonaba os mocos, «é que se collo unha baixa póñenme na lista de morosos no banco, e se me poñen na lista, non me dan o crédito-bolsa para que o meu fillo vaia á universidade, e se o meu fillo non vai á universidade...». «Tranquila... Xa comprendo...», interrompina. Foi abrir a porta facendo unha luva coa manga, e comezar a rebuscar nos petos un ansiolítico que me quitase do maxín a imaxe de miles de bacterias multiplicándose ao meu paso, e ao paso de cada un dos transeúntes que crucei, e ao paso de cada un dos transeúntes que cruzou cada un dos transeúntes que crucei. Se a gripe A de hai un tempo cadrase agora, morriamos todos. Xa ven, os funcionarios, enriba de preguiceiros, ¡cutres!, e o que é peor... ¡enfermos! (aquí, ao leren en alto aos seus amigos esta columna, poñan entoación de noxo). Por iso, o meu insomnio de agora xa non é por un simple medo á peste. Teño medo de morrer por ir pedir unha subvención, reunirme cun conselleiro ou entrar nun instituto. Corren malos tempos para as que somos propensas ás fobias.