Unha de tempos

María Canosa< / span> PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

23 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

H ai uns días deixei nesta páxina unha listaxe de cousas que me parecían que non eran destes tempos de crise. Sigo pensando o mesmo. Non é tempo de achegarlles máis pulgas ao can fraco. E como reza o de que o tempo voa, andei a darlle voltas á cabeza, intentando descifrar de qué é tempo.

Non quero establecer prioridades, polo que escribirei o que me dite o corazón.

É tempo, señores dirixentes, de poñer coutas ao fraude fiscal, de eliminar a corrupción política, de castigar aos infractores, de crear procesos de investigación xustos e exhaustivos. É tempo de axudar aos máis necesitados, e non favorecer aos ricos. É a hora de fomentar o emprego, e non o despido. O investimento en I+D+i é máis que necesario, o apoio á educación e á sanidade, imprescindibles.

É tempo de que os bancos deixen de recibir axudas, privilexios, e ata inmunidade. Son os traballadores quen a precisan, para acceder a unha vivenda e a unha vida digna. Devolvan o que deben, accionistas e directivos.

Os dirixentes deben ser exemplo, e aplicar medidas restritivas a eles mesmos, e nos seus postos. Eviten duplicidades, e soldos desorbitados. Os responsables desta crise -banca, políticos e especuladores- deben pagar por ela, non o cidadán de a pé.

É tempo de que os mozos preparados deste país, non sexan só pre-parados. De que os políticos sexan políticos de verdade, e se convertan en dirixentes do seu país.

Tempus fugit, señores. Tic-tac.