Populismo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Borges inclúe en Historia universal de la infamia un conto que ten como personaxe central a Arthur Orton, tamén coñecido como Tom Castro. Algúns afirman que se trata dun relato con base real: a suplantación de Roger Charles Tichborne. Orton é descuberto polos familiares de lady Tichborne e acaba no cárcere. Ao saír, vive dando conferencias, unhas veces afirmando que era inocente; outras, culpable. Acaba o relato cunha frase memorable: «...siempre al servicio de las inclinaciones del público». Non coñezo mellor definición do populismo. E resulta pertinente citar a Borges nesta columna. Borges, arxentino. Borges que quixo deixar de selo. Borges que reclamaba que Eva Perón fose xulgada e condenada. Borges polémico que, de tanto detestar a Perón, acabou comendo con Videla. Borges xenio e xenial que odiaba visceralmente todos os modos do populismo. Borges, se vivise, declamaría algún pranto por Arxentina. O sucedido esta semana resulta tan inmoral que calquera adxectivo queda curto. Eu tamén detesto, como Borges, a ralea populista. Porque elas e eles, os populistas, foron orixe dos peores quebrantos da humanidade. Un populista non reclama o interese xeral, senón particular. Non se ocupa dos asuntos de todos, senón dos propios. Un populista fai da mentira unha verdade, carece de escrúpulos, e converte as consignas (falsas ou certas) en única mensaxe. Temo a estes demagogos tanto como aos ditadores: porque todos son, antes que sátrapas, populistas. Falsean a realidade, traballan con mirar de escaso alcance, exacerbar ás masas para ocultar a propia miseria. Kirchner é populista. Pobre Arxentina.