O desasosego

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Cando Pessoa escribiu aquel libro, do desasosego, estaba a trazar a imaxe deste presente puñal. Pintaba con uñas o desespero, a traizón do ser humano a si mesmo. Perfilaba a melancolía de ser e non ser a un tempo. Falaba de amor, morte, absurdo. Tamén da vida, e da esperanza: aínda que Pessoa era un escéptico de todos os credos e futuros. Vivimos en pleno desasosego e non axuda o cruce de mensaxes que recibimos dende os púlpitos do Goberno. Eu, se fose Rajoy, sentaría con todos os xerarcas do partido para pedirlles prudencia nas declaracións. Incluso máis, deixaría que os altavoces do Goberno fosen a voz de Sáenz de Santamaría e a do propio Rajoy. Nestes momentos é necesario revocar o desconcerto. Así se sente a cidadanía: extraviada. Unha voz que anuncie porvir. Que se levante con rigor sobre o balbordo e ruído (Aguirre, la cólera de Dios, película de Herzog). Este é o tempo dos intelectos de Estado: eses que saben dirixir á cidadanía sen temores e cun rumbo determinado. Estou seguro de que o Goberno ten trazada a súa folla de ruta, pero é preciso determinar esa ruta diante da cidadanía. Aquí, en Galicia, non hai fisuras nin desconcerto. En torno a Feijoo edifícanse as políticas. El fala, responde, está presente. Acertada ou equivocadamente, sabe comunicar o seu labor reformista. A sinfonía de Madrid ten inflación de batutas. A cen días de Goberno do galego Rajoy declaro, pese a tanto, que a miña fe segue intacta. Imos saír do túnel. E non quero mirar atrás. Non podo nin escoitar aos que fundiron o barco: todos cobrando aínda do erario público. Eles propiciaron a debacle... e o desasosego.