Unha de medidas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

P or unha vez, recoñezo que estou totalmente de acordo con vostede, señor presidente. O outro día escoitei como dicía que agora non é o momento nin de pavillóns, nin de autopistas, nin de aeroportos, nin doutras cousas.

Apoio totalmente as declaracións, sobre todo, nestas últimas palabras.

Porque é certo que non é tempo de subir a luz e o gas, posto que os fogares medios están asfixiados, e estes son un ben de primeira necesidade. Non é tempo de reducir o gasto en educación, precisamente. A única sociedade que avanza é a que está consolidada sobre unha base cultural sólida. Xa non falemos dos fondos de cooperación ao desenvolvemento, do I+D, nin dos dependentes, nin das pensións?

Non é tempo de subir o IRPF sen piedade. Nin de conxelarlles o soldo aos mesmos funcionarios que se lles alonga a xornada laboral, mentres se lles dá amnistía fiscal a todos os defraudadores. Quen non declarou antes as súas rendas pode facelo agora a cambio de pagar tan só un 10 % do defraudado. Daquela, ¿van devolver o 90 % correspondente aos que si foron legais? Están premiando os infractores. E non é tempo diso. Nunca o foi. E menos agora.

Porque vostede, ou a súa portavoz, di que este é o momento de sentar as bases para a recuperación económica, de empezar a crecer e crear emprego.

¿Como? ¿Fomentando un despido máis barato do traballador? ¿Apoiando a baixada unilateral dos salarios? ¿E permitindo os ERE sen permiso administrativo?

Non é tempo, señor presidente. Non o é.