Lume nas fragas do Eume

Carlos Vales TRIBUNA

OPINIÓN

03 abr 2012 . Actualizado a las 10:37 h.

O incendio nas fragas do Eume provocou unha enorme alarma na opinión pública: ¡está ardendo o mellor bosque atlántico de Europa! ¿É esta alarma xustificada? A miña opinión é que en parte si, aínda que se están manexando datos parcialmente equivocados. En efecto, o concepto atlántico é utilizado para definir unha rexión bioxeográfica de Europa cunhas determinadas condicións climáticas condicionadas pola presenza do océano Atlántico, e que vai desde o río Douro en Portugal ata a península escandinava, incluíndo toda a cordilleira cantábrica. Os bosques de Muniellos e Somiedo en Asturias, ou a devesa da Rogueira nas galegas montañas do Caurel, son bosques atlánticos, igualmente valiosos e únicos. O que fai especiais aos bosques atlánticos das fragas do Eume é que se sitúan ao nivel do mar, polo que o seu clima é máis cálido, posibilitando a existencia de especies que requiren calor e humidade, condicións parecidas ás que existían en toda a contorna mediterránea antes das glaciacións cuaternarias. As fragas do Eume son refuxio de especies que eran frecuentes hai millóns de anos e que hoxe desapareceron de case calquera lugar. E son o mellor bosque do seu tipo, por extensión e biodiversidade, en toda Europa, que neste caso equivale a dicir en todo o planeta.

Unha das características das fragas do Eume, a súa grande extensión relativa, fai abrigar esperanzas dunha pronta recuperación, porque felizmente non arderon as zonas de fraga máis valiosas e mellor conservadas. A maior preocupación neste momento pasa, ao meu entender, por os posibles problemas de erosión e perda de terra fértil, dado o empinado do terreo nas áreas queimadas. Se temos sorte e chove miudiño nos próximos días e meses, a humidade permitirá que as sementes sobreviventes nos solos incendiados agromen, contendo co seu sistema de raíces a erosión da terra. Se chove forte, os solos queimados irán parar ao Eume e os seus afluentes, contaminándoos, e converteranse en fangos destrutivos para peixe e marisco na ría de Pontedeume. Ademais, á natureza cústalle cen anos rexenerar un centímetro de espesor de terra fértil perdida, unha perda irrecuperable a escadas de tempo humanas.

Interésame chamar a atención sobre outros dous aspectos. Un deles ten que ver de novo coa importancia das fragas do Eume. Porque as características que fan especial a este bosque -clima e encaixonamento fluvial-, son comúns a outros ríos do golfo Ártabro e do noroccidente galaico, tais como o Mandeo, o Belelle ou o Sor. Só que nestes as fragas están moito máis degradadas por actuacións inapropiadas, particularmente por un proceso de eucaliptización masiva, o mesmo proceso que ameazaba a existencia das fragas do Eume e que levou á súa declaración como parque natural. Que as fragas do Eume sexan tan únicas é culpa nosa porque nun pasado non tan lonxano tivemos máis bosques parecidos. Por iso convén que reflexionemos sobre qué tipo de territorio queremos, qué contorna natural, qué futuro.

A última reflexión ten que ver con un dos motivos de fondo polo que as fragas do Eume arderon. Estamos pasando polo peor período de seca invernal desde que temos datos meteorolóxicos, e todo invita a pensar que esta situación está asociada co cambio climático en curso. Para os escépticos sobre este enorme problema ambiental, aquí podemos observar unha pequena mostra de cales van ser as consecuencias. De maneira que temos que decidir como sociedade, os responsables políticos en particular, a qué tipo de mundo aspiramos. Se aceptamos non facer nada contra os grandes problemas ambientais, como o cambio climático e a destrución da biodiversidade, teremos que irnos acostumando a convivir con incendios nos nosos espazos naturais superviventes, e cunha contorna degradada. Iso, independentemente do debate que queiramos facer (con todo o dereito, por outra parte), sobre se os medios materiais e humanos para combater o lume son ou non suficientes.