Escritura creativa

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

03 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

N on deberían ter publicado na prensa a sentenza contra Jaume Matas e o xornalista Antonio Alemany. Desde que a vin, síntome máis parva ca nunca porque, conforme a ía lendo, ilustrábame en bonitas e sinxelísimas formas de sacarlle pasta á Administración. Débolle a axuda ao talento literario dun columnista, coma min. Xúrolles que isto é un favorazo que me fai, porque polas clases de Creative Writing cobran miles de dólares nas universidades americanas, e élles o que aforro grazas a ler a sentenza en Internet.

Alemany é un exemplo vivo de algo que todo o mundo sabe: que a vocación de todo escritor é, en realidade, escribir discursos para presidentes. Eu, sen ir máis lonxe, sempre quixen que o presidente me convidase un día a cear e, cun alexandrino que me demostrase que nalgures se agacha a súa sensibilidade literaria, me dixese: «Preciso a túa palabra clarividente». Entón eu, que ante tamaña ocasión tería pedido o champán máis caro, brindaría mentres puña en marcha o que aprendín de Alemany. Lean. Non aceptaría cheques pola morriñada de 12.000 euros, que xa se sabe que as escritoras estamos afeitas a gañar burradas e non baixamos de soldo así porque así. Tampouco aceptaría ser asesora porque a lei de incompatibilidades me impediría venderlle tamén esta columna, ¡Deus me libre! E moito menos ía eu facerme emprendedora. Non. Buscaría un colega empresario que, por unha módica comisión, facturase polo que eu non facía pero faría igualmente: discursos marabillosos. Serei parva, pero polo menos agora sei que hai unha opción para min: aínda podo reconducir a miña vocación literaria cara ao xénero presidentístico.