A festa dos editores

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

11 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

N a tardiña do pasado venres reunímonos en Compostela os editores, algúns autores, lectores e libreiros, amigos das letras (impresas e dixitais) para celebrar a festa anual da edición, que afirma o noso oficio e afirma cada ano, sobre todo, a existencia do libro galego: o pequeno milagre do libro galego. Cadrou a data co décimo aniversario da morte de Carlos Casares, un dos grandes, e co pasamento recente de Isaac Díaz Pardo, un dos xigantes, para os que houbo unha lembranza especial.

Entre os agasallados, o libreiro Xesús Couceiro recibiu o premio especial a toda unha vida dedicada ao oficio (43 anos) e cando recolleu o galardón formulou un desexo que todos celebramos: «Oxalá que algún día, se esta festa continúa, poidamos dicir que aquí están os nosos Goya, os nosos Óscar do libro galego». Non é a primeira vez que consciente ou inconscientemente se fai a comparación, se cadra inevitable, entre o glamur e a presenza mediática do cine e a industria aparentemente máis humilde da edición.

¿É xusta a comparación? As cousas son como a sociedade as percibe. O cine, o espectáculo da industria cinematográfica ocupa a primeira plana da información mediática: festas, cerimonias, saraos de luces cegadoras, aparatosas alfombras vermellas... É o modelo Hollywood, que exporta as súas estratexias de promoción a todo o mundo. O cine é a gran industria da comunicación que mesmo ocupa unha parte moi importante das subvencións económicas que dende a Administración pública se destinan ao seu desenvolvemento, non só en Galicia, en toda Europa, considerada como un valor estratéxico de primeiro nivel no discurso das industrias culturais.

Mais botémoslle unha ollada ás cifras. No ano 2010, o mundo da edición privada facturou en España 2.891 millóns de euros a prezo de capa. A industria do cine moveu ese mesmo ano 663,31 millóns (facturación global), e o cine español, apenas 80 millóns. Cifras oficiais. En Galicia, as 173 pantallas existentes ingresaron ese mesmo ano 24,6 millóns, ¡fronte aos aproximadamente 150 millóns de euros que venderon as nosas librerías! A facturación do cine galego, certamente recente e moi meritoria, apenas acadou o millón de euros, contra os 30,97 millóns que no seu conxunto moveron a prezo de capa as industrias privadas da edición galega (AGE).

Poño as cifras enriba da mesa para salientar as diferenzas e mais para despexar tópicos, non para establecer enfrontamentos. Ambos sectores son necesarios, fundamentais. Pero o libro non é un adorno, nin unha industria menor (tampouco o libro galego), senón unha industria madura, estabilizada, con horizontes, sempre que se saiba atender e saibamos afrontar os desafíos que afectan ao seu futuro (igual que sucede co mundo do cine, non menos ameazado polas novas tecnoloxías e as novas formas de consumo). A industria da edición é unha realidade obxectiva sobre a que, a maiores, fundamentamos o discurso da palabra e do pensamento, a información e o coñecemento. Malia as súas dificultades; entre outras, a súa difícil visibilidade.