N este ano, na cultura galega celebramos varias. Conmemoracións que veñen ser como puntos de referencia. No capítulo dos nacementos, que é o que a un máis lle gusta celebrar, cúmprense douscentos anos de Antonio Casares Rodríguez (Monforte), primeiro titular dunha cátedra de Química na Universidade de Santiago, que en 1847 logrou a sintetización do éter e do cloroformo e ensaiou as primeiras operacións con anestesia no Hospital Xeral, homenaxeado á súa morte (Santiago, 1888) pola Academia das Ciencias de Francia. E outrosí de Franciso Añón (Outes, 1812), un dos precursores, que participou no movemento civil do levantamento de 1846, exiliado despois a Portugal, autor do Hymno dos povos, tan admirado por Curros, que o fixo protagonista de O divino sainete (1888).
Este ano conmemoramos tamén o nacemento de Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912), e do pintor Eugenio Granell (A Coruña), un dos grandes da plástica galega, que deixou memoria na súa Fundación, instalada no pazo de Mendaña, na praza do Toural, en Santiago de Compostela. E máis cúmprense cen anos do falecemento de Manuel Leiras Pulpeiro (Mondoñedo), de quen Xosé Luis Franco Grande publicou as obras completas en 1970, chamado o «médico dos pobres», republicano e liberal.
O próximo 9 de marzo cumprirase unha década do pasamento de Carlos Casares, sempre recordado por nós. Axiña entraremos nas vésperas dos 150 anos da edición de Cantares gallegos (1863), de Rosalía de Castro, o libro inaugural do noso Rexurdimento. As Letras Galegas deste ano son para Valentín Paz Andrade (Pontevedra, 1898-Vigo, 1987) e hai poucos días que nos deixou Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920-A Coruña, 5 de xaneiro do 2012). Son marcos de referencia, xa digo, balizas para a navegación.
Destes dous últimos, Isaac e Valentín, tan unidos pola amizade, interésame sobre todo non tanto a súa dimensión artística ou literaria, que tamén, como a súa condición de empresarios (emprendedores). De Valentín, o seu pensamento económico, moi centrado nas industrias pesqueiras, das que foi innovador (Pescanova). De Isaac, o seu proxecto integral de Sada, La Magdalena (Arxentina) e Sargadelos, na compaña desoutro talento extraordinario que foi Luis Seoane (1910-1979).
Haberá ocasión de falar destes dous persoeiros nos próximos meses. A cultura galega (o galeguismo) non é só cuestión de artistas e poetas, nin sequera de políticos, con seren todos importantes. En 2012 cúmprese tamén o centenario da creación de Acción Galega, o movemento agrario que capitaneaba Basilio Álvarez. O galeguismo é unha posición estratéxica, un compromiso ético e emocional, expresión da intelixencia, que atinxe ámbitos moi diversos. Hai quen quixera meternos a todos no caixón das rimas e dos floreos. A ciencia, a tecnoloxía, a economía, a empresa son fundamentais para construír o país, sempre que nos comprometamos co seu futuro. Esa é a lección: como Antonio Casares, Domingo Fontán, Ramón María Aller, o vello Ibáñez, primeiro marqués de Sargadelos, Enrique Peinador, Valentín, Isaac...