«Embaixadiñas»

OPINIÓN

02 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

G uerra de representacións das comunidades autónomas no exterior. Na hora de recortar gastos, os centralistas volven mallar: din que abonda coa representación común do Estado fóra de España; e cómpre darlles resposta, polo menos tendo en conta dous aspectos: a Europa das Rexións e as subvencións ás famosas I+i+i (investigación, innovación e internacionalización).

Dos que mandan en Madrid, hainos a feixes que non viaxan a onde non se lles entende e, por tanto, non van a Bruxelas, reino do Eurenglish e o francés. Haberá logo que traducirlles que a UE concibe Europa como estruturada en rexións naturais. Bruxelas fomenta a rexionalización, os funcionarios da Comisión Europea teñen orde de traballaren sobre módulos rexionais e fano con gusto pois prefiren «os pequenos tamaños».

Por iso a Errin é unha asociación para o lobbying legal en Bruxelas moi eficaz, dedicada a influenciar nas liñas de subvención de proxectos e a facilitar o acceso a elas. Fórmana noventa rexións colaboradoras (Galicia incluída) con competencias sobre investigación e innovación.

Estando o Estado español á beira da creba, correndo España o perigo de enterrar para sempre o seu acerbo científico-técnico, teremos que ir mendigar a Bruxelas, ¿non? Daquela, se os ministros de Rajoy (que se debe pronunciar Raxoi) queren que aforre todo o país, váianlles facendo sitio ás embaixadiñas rexionais na propia Representación Permanente de España na UE, tan ben situada no quartier européen. Dese xeito, todos contentos.