¿Poética xustiza?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

31 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A proba de que a realidade supera a ficción foi o poético discurso no que o ministro de Xustiza anunciou, a modo de narrador omnisciente, as medidas que tomará para axustizarnos a golpe de maioría absoluta. Visto isto, éntrame o oficio literario e póñome a imaxinar os capítulos seguintes. Mulleres tristes que abortaron, encarceradas en celas para crimes ideolóxicos por seren mulleres. Reclusos que morrerán no cárcere en virtude do que Alberto Ruiz-Gallardón califica co enunciado, malia complicado pouco xurídico, «máximo nivel de reprochabilidad social». Ou sexa, que a relixión dun ministro é criterio para penalizar a decisión dunha muller. Igual que será criterio penal a expresión colectiva dos mesmos cidadáns que dan audiencias millonarias á entrevista da consogra dunha baronesa e aprezan maioritaria e colectivamente a Belén Esteban.

¿A que se o escribo nunha novela non mo cren? Pois o ministro díxoo en serio.

Ruiz-Gallardón, experto en facer calar a parvos, xustificouse aludindo ao seu programa electoral, e houbo quen calou. Polo visto, parecemos dispostos a aceptar o programa dos gañadores coma se o escribise Aristóteles, asumindo que a maioría absoluta é sinónimo dunha ditadura que demole todo o decidido, con consenso, previamente. Enriba, segundo o Centro de Investigaciones Sociológicas, só unha minoría dos seus votantes subscribiría ao 100 % esas reformas, os que por idade menos probabilidades teñen de abortar ou experimentar en toda a súa magnitude o Código Penal. Claro que tamén cremos que os gobernantes só gobernan para os que os votaron, e iso é motivo para que todos nos sometamos ao que di un señor de Madrid.

Escrito así parece unha obra absurda de Mihura.