A xustiza pola man

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

27 ene 2012 . Actualizado a las 15:00 h.

S eguramente viron as fotos: o rostro do pai de Marta del Castillo cunha expresión de odio que nunca se lle veu nos anos de sufrimento que leva padecido. Corresponden ao momento no que se soubo que o asasino da súa filla e os seus amigos saíron de rositas do xuízo, así que é sinxelo supoñer quen eran os destinatarios desa ollada.

A min recordoume de inmediato o poema de Rosalía de Castro A xusticia pola man. Nel fala unha muller que foi deshonrada e maltratada polos que teñen fama de honrados na vila. Pediu xustiza, e os xuíces mofáronse dela; tampouco a recibe do Ceo: «Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra». Entón a muller, «cal loba doente ou ferida», pilla unha noite a fouciña (é unha labrega, unha muller do pobo) e co mesmo instrumento co que traballa deixa sen vida aos que lle fixeron mal. E despois séntase a agardar o día, tranquila porque entón cumpriuse a xustiza: «Eu neles; i as leises, na man que os ferira».

Aínda que a sentenza de Marta sexa axustada a dereito, é xeral a sensación de que quedaron impunes a burla continuada e a colaboración nun asasinato.

Segundo Montesquieu, as leis son as relacións necesarias que se derivan da natureza das cousas. Neste caso a natureza dos feitos esixía un castigo exemplar que non se aplicou, e que evitaría engadir odio á dor, e tamén a tentación da xustiza pola man.