P resentada por algúns como a nai de tódalas batallas, concibida por outros como unha cita congresual máis, o BNG xógase esta fin de semana en Santiago moitas cousas: definir o seu modelo político e organizativo, elixir os seus liderados e, sobre todo, visualizar ante a sociedade se é quen de servir, trinta anos despois, como un paraugas capaz de acoller tódalas sensibilidades do nacionalismo galego. Alén dun goteo de posibles escisións individuais, é a figura de Beiras quen ten lanzado un ultimato ao partido maioritario da fronte, a UPG, e o único con poder para escenificar ante a sociedade unha fractura do nacionalismo.
El sábeo, e por iso mantén tensa a corda ante a UPG, máis e mellor organizada, que semella ter decidido ir directa ao choque, sexan cales sexan os danos.
Chegados a este punto, todo vai cara unha confrontación de incertas consecuencias, na que asoma o risco dunha ruptura que deixaría tocado ao BNG, pero tamén ferida de morte calquera alternativa a Feijoo.