Pontes Ferrol-Coruña

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

24 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

D esde a beira do Eume, don Manuel e don Alfonso Molares Porto, anciáns de estirpe ferroviaria, contemplan a celosía azul da ponte do tren como unha reliquia do seu pasado profesional. Saben que non soporta un convoi de verdade; como tampouco ningunha outra das orixinais na vía Ferrol-Coruña, construídas hai cen anos.

Senadores da arquitectura galega levan medio século a defender o conurbano do Arco Ártabro. Os enxeñeiros de Camiños soñan con pontes longas sobre as rías das Mariñas.

Rematado o porto exterior de Ferrol -sen saída por ferrocarril- e a punto de remate o da Langosteira -ídem-, mariñáns expatriados en aglomeracións urbanas europeas comparan os servizos de tren nelas cos da súa bisbarra e botan as mans á cabeza. Puertos del Estado fala da prioridade do tren que conecte Caneliñas co interior por ferrocarril, manexando cifras millonarias; véselle a boa intención, pero ¿e as pontes?, ¿e os apeadeiros para que os commuters do conurbano poidan vivir entre Ferrol e A Coruña con seguridade de servizo? Unha vía dobre ben dá para pasaxeiros e mercadorías.

En Galicia existen dous conurbanos principais, Vigo-Pontevedra e Ferrol-Coruña; cunha clara diferenza entre eles en termos de política como forza impulsora: no do sur non hai coincidencia de partido; no do norte haina. Seica Feixó, Rei e Negreira ás veces se xuntan nun templo das artes culinarias da Ferrolterra. Podían convidar a dona Ana Pastor: nada mellor para trazar pontes de entendemento que facelo sobre un mantel.