R econforta, e moito, saber que, ás veces, danse segundas oportunidades na vida. Penso isto cando leo que Ted Williams volve sorrir. Foi un locutor de radio de grande éxito, cunha poderosa voz que o fixo chegar ao máis alto da súa carreira profesional. Foron o alcohol e as drogas os que conseguiron afastalo da tranquilidade e de todo o que posuía.
Viviu na rúa, pedindo axuda a quen se lle achegase, reproducindo frases que o fixeron famoso ao través das ondas radiofónicas. Sorría, pero cun ricto triste. A pena podía lerse no fondo dos seus ollos.
A vida tivo a ben presentarlle unha segunda oportunidade. Outro reporteiro que se atopou con el nun semáforo, cando pedía axuda, recoñeceuno, e gravouno. A súa imaxe e a súa voz deron a volta ao mundo, e comezaron a chegarlle ofertas de traballo.
Pasou un ano desde aquelas imaxes. Agora ten un traballo na radio, un teito baixo o que acubillarse, unha felicidade que o desborda.
E é que un nunca sabe cando é o seu momento, ese que fai que a vida tome un camiño ou outro. Ás veces endexamais chegaremos a descubrir cal é ese talento natural que nos facilitará o día a día.
Por iso, aínda que teñamos que pasear polo mundo pensando que hai un mañá, deberiamos facelo con prudencia, pero tamén con relatividade, pois é imposible saber que pasará mañá. Por sorte, prodúcense historias coma estas, que nos fan confiar en que haberá segundas oportunidades.