Para que volve a Misa en latín

| VICTORINO PÉREZ PRIETO |

OPINIÓN

A MISA en latín, que vén de autorizar de novo Bieito XVI, segue a xerar polémica ata o punto de que este xornal poñía onte a noticia como a máis importante ao comezo das súas vacacións estivais. O documento, en forma de motu proprio, deuse a coñecer o pasado día 7, pero sabíase del desde hai meses. Non se deixara de celebrar a misa en latín, pero desde había 25 anos cumpría un permiso especial para facelo. Agora non será preciso, sempre que o demande «un grupo estable de fieis». Non é que un se opoña a que se faga a misa en latín, como en castelán, inglés, galego ou suahili; cunhas normas litúrxicas estritas, ou máis creativas. O problema é o que significa a volta á chamada misa tridentina, con todo o que supón: unha concepción da eucaristía, na que a comunidade non conta, está só para escoitar a misa. Por iso, fronte ao que dispuxo o Concilio Vaticano II de que o cura celebrara de cara á comunidade, o máis preto posible dela e en diálogo con ela, na misa que agora volve o celebrante está de costas e separado da xente, volto ao sagrario; a súa función ten máis que ver co sagrado-separado que co mundo. Por iso, tampouco é na lingua da xente, senón nunha lingua sacra. O problema é, tamén, que isto sexa una decisión persoal -motu proprio- deste papa, nunha volta atrás da tomada por Xoán Paulo II en 1982, cando decretou a necesidade dun permiso especial do bispo para facela, sabedor de que había razóns cismáticas detrás desta opción. Deste xeito, non se trata só dunha simple cuestión de gusto por este vello «tesouro» -como se dixo-, senón dun aceno aos seguidores do bispo cismático Marcel Lefebvre, excomungado polo Vaticano en 1988 coa súa ultra Fraternidade Sacerdotal de San Pío X . Por iso, non é de estrañar a reacción non só dos sectores máis renovadores da Igrexa, que temen que isto desfaga aínda máis os logros da reforma conciliar, senón tamén de moitos bispos, que temen que se mine a súa autoridade.