NESTES días que se trataron grandes temas no debate do estado da nación, convén recordar un vello problema que moitos non queren ver ou que dan por solucionado. Imos falar sobre o «estado da cuestión feminina». Mándanme unha das máis activas oenegués galegas de protección á muller unha foto na que se ven altos directivos dunha empresa tamén galega: dez e seis cabaleiros. E un comentario: «Para que se vexa quen ten o poder». Neste caso, unha imaxe val máis que mil palabras. É un bo exemplo do que pasa nas cúpulas do poder: o predominio masculino é absoluto. ¿E que hai pola parte inferior da pirámide? Esta mañá collín un taxi que conducía unha muller. Contoume que acababa de deixar a unha pasaxeira que se montou no coche con estas palabras: «Mira, mona, imos á rúa XXX, se non sabes ir pregúntalle a algún compañeiro». A condutora, que leva seis anos de taxista, ofreceulle varios itinerarios alternativos para demostrarlle o seu coñecemento da cidade, pero a dona mantívose na súa actitude despectiva e replicou: «A min os teus compañeiros non me preguntan por onde ir, lévanme e xa está». Eu apuntei o diálogo porque penso utilizalo nas conferencias sobre discriminación social, porque nin feito adrede reúne máis trazos machistas. A interpelación que demostra falta de respecto no atuar e reduce á muller as súas características físicas: «Mira, mona». Xamais lle diría a un rapaz; «Mira, guapo». A desconfianza sobre a capacidade da traballadora: «Se non sabes ir...». O recurso a un home para solventar a situación: «Pregúntalle a un compañeiro». E finalmente, cando lle demostra que é tan capaz como un home, a actitude de submisión fronte a decisión masculina: «Non me preguntan, lévanme». Son dous exemplos significativos de cómo está a cuestión. Non serve de nada combater a violencia doméstica se dende a escola e a familia non se van formando novas xeracións que vivan a igualdade social de homes e mulleres. A miña xeración, eu xa a dou por perdida.