O PROBLEMA non é o presidente Bush. O problema é o modelo, fortemente radicalizado nos últimos tempos pola denominada política neoliberal, coa correspondente supresión dos elementos correctores, ou cando menos reguladores, que nalgún momento propoñía a socialdemocracia (ben tímidos, por outra banda, cando non contraditorios). ¿Que podiamos agardar dunha nova xuntanza do G-8? Pois pouco máis que a fotografía, sinceramente, malia as declaracións de Angela Merkel intentando convencer ao mundo de que algo avanzamos, pois a Administración norteamericana acepta iniciar unha certa aproximación ás propostas europeas respecto do control da contaminación no planeta. Disque no ano 2050 empezaremos a ver os resultados. Daquela, moitos de nós xa non estaremos. Pero estarán os nosos fillos e os nosos netos, se non se produce un cataclismo. Cando nos anos 70 empezaron a manifestarse os grupos ecoloxistas (principalmente no mundo occidental) moitos cualificáronos de idealistas, catastrofistas, axentes desestabilizadores do sistema, profetas do non, comunistas pagados por Moscova, «nenos de papá» formados nas revoltas universitarias do 68¿ Daquela o Clube de Roma xa falaba, non obstante, de «crecemento cero», polemizando co MIT de Massachusetts, por certo, que entendía que os problemas do crecemento e do desenvolvemento (que existen) só poden ser solucionados pola tecnoloxía que ese mesmo crecemento poida xerar. E máis pola vontade política que permita activala, cumpriría engadir. Trinta anos despois, radicalizados os efectos da desfeita ambiental en todo o planeta, o debate segue aberto. Por unha banda, está o chamado terceiro mundo, e mesmo países como China ou India, con problemas demográficos obxectivos, que precisan crecer e non sempre poñen no primeiro plano os efectos sobre o equilibrio ecolóxico. Por outra banda, están os intereses do capitalismo global, que tampouco cede. ¿Como renunciar a un punto ou dous máis na conta de beneficios? Quen veña detrás (ou quen estea fóra do círculo protexido) que arree. Pouco cabía esperar, certamente, da xuntanza alemá. Pero iso non quita que teñamos que calar, mesmo neste recanto da periferia, que tamén sofre os efectos. Se algo ten a globalización é que non permite escapar: queirámolo ou non, estamos na fariña. ¿Para cando outro Prestige , por exemplo? As estatísticas, tamén nesta cuestión, son implacables. Falar de enerxías alternativas, de crecemento sustentable, xestión medioambiental, equilibrio ecolóxico, recursos naturais limitados (que precisan, por tanto, da súa administración), control de consumos, investimentos na protección e conservación do espazo natural, etcétera, hai tempo que deixaron de ser exercicios de idealismo para se converter en cuestións de supervivencia, que sen dúbida deberían condicionar as propostas políticas e ideolóxicas do futuro. Tamén con carácter global. Esa é a esperanza.