Última hora
Zapatero pide un aplazamiento de su declaración por la «complejidad» del sumario

Unha de vítimas

| MARÍA CANOSA |

OPINIÓN

EL CHÁMASE Rafiq Naunari, ela, non se sabe. Tan só transcendeu que é unha nena de oito anos, que foi raptada cando ía camiño da escola. El cometeu unha violación a unha menor, e ela foi a vítima. El foi xulgado por unha corte tribal do seu lugar paquistaní, ela resignarase a cargar o resto da vida con tal aldraxe. El foi absolto, pero a súa muller, ela outra vez, foi condenada a pagar o delito do seu cónxuxe. Sería entregada ao pai da nena, Nawaz, se non fose porque logrou fuxir antes de executarse a sentenza. El e elas. ¡Tan diferentes! El, o infractor, e elas, sempre as vítimas, sexa por sufrir a agresión de primeira man ou ben por enmedar a culpa do outro. Elas... Elas son moitas neste caso e en tantos outros. A nena violada a primeira, as sobriñas de Rafiq en segundo lugar, pois antes que a propia muller, foron ofrecidas en matrimonio ao pai da nena, quen as rexeitou. E en último lugar, a muller do transgresor. Todas mulleres, pagando culpas alleas. A policía de Multán Mirza Muhhammad Ali escúdase en que nin a familia da meniña nin a do violador denunciaron o caso ante as autoridades, e que, polo tanto, a sentenza tan só se basea na interpretación da tradición, e non nas leis da xustiza. Sempre está ben coñecer e respectar os costumes e a cultura dos demais, pero casos coma este producen un revulsivo, porque amargan e feren no corazón. Claro que, coñecendo algunha das sentenzas de países desenvolvidos, onde non hai condenas exemplares, senón que a maioría delas se suavizan por «bo comportamento» (excelente se cabe) dos presos... pois tampouco teñen moito que envexar, nin nós moito que dicir, ¿non? ¡Ah! A sorte que temos é que vivimos nun país totalmente civilizado. Non esquezamos que o día 4 de xuño é o Día Internacional dos Nenos Inocentes Vítimas de Agresión. ¡Non vaia ser!