RECORDO moitas veces, por moi diversos motivos, os versos de Ramón Cabanillas: «¡Galicia!, nai e señora / sempre agarimosa e forte / preto e lonxe; onte, agora, / mañá... na vida e na morte». Pero sobre todo lémbrome deles nas viaxes á miña terra. E deses catro versos hai unhas palabras que seguen a dar voltas na miña cabeza coma un esconxuro: «preto e lonxe»; para min, preto no corazón e lonxe na distancia. Pasan os anos, pasan as décadas e Galicia segue a estar lonxe, e non falo en sentido simbólico, que tamén podería facelo, senón no sentido mais inmediato e no estilo máis chan: está lonxe en coche, en tren, en avión, e ata en foguete estaría lonxe se se utilizase como medio de desprazamento. Eu non sei que estraña maldición nos persigue ou quen está facendo mal as cousas para que esa distancia non se acurte cos anos, como se acurtan outras. Dende Madrid a Sevilla tárdanse tres horas en tren; a Alacante, que non ten aínda AVE, pero que o terá enseguida, tres horas corenta e cinco ou tres horas e media, segundo se colla na estación de Chamartín ou de Atocha. A Vigo tárdanse ¡oito horas e media!, que é un tempo no que xa só se miden as viaxes transoceánicas. E nos avións, que lles vou dicir. Saín a semana pasada para dar unha conferencia na Coruña cunha marxe de tres horas dende a hora prevista de chegada, e á metade do voo anuncian que por néboa no punto de destino é posible que teñan que levarnos nada menos que a Vigo. Ao final o avión aterrou na Coruña «con moi escasa visibilidade», segundo anunciou dramaticamente o comandante. Total, que para a próxima vez terei que viaxar con cinco horas de marxe por se non dou cun comandante tan arriscado, e para estar segura de chegar a tempo. Ou sexa, que tamén polo aire está lonxe. Os galegos que vivimos fóra, os que levamos a Galicia preto no corazón, agradeceríamos moito que alguén se tomase o traballo de achegala a nós tamén no espazo. Agora que veñen as eleccións sería un bo momento para pensar nisto.