| O |
07 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.PODEMOS actuar, finxir, mentir... excepto cos ollos: porque contan máis que as palabras. Estes días de campaña convén recordar os fundamentos do ser, ou sexa, do humano. Prometerán tanto e tanto dirán que nós, ti mais eu, só debemos escoitar a linguaxe dos ollos. Nestes días aproveito unha mirada para tocar a alma das cousas fermosas que se cruzan comigo: eses «cachitos de cielo» que fan feliz á xente. Porque hai miradas transparentes que devolven as ganas de vivir, incluso cando as ganas de vivir escapan. Hai miradas que son pequenas, e lindas, pero parecen máis grandes que o sol. Eu sei que ás veces sae o sol e o que sae, en realidade, son un par de ollos no horizonte. A xente debe mirar o horizonte e ver ollos. A xente impórtame máis que a política, urnas, campaña electoral. A min só me perturban as miradas. Procuro miradas que me regalen esperanza e miradas que me miren como son, tan «malavida» e tan inútil. Miradas que alimenten os soños, e a ilusión, que é esa marabilla que nunca cambiarán eles, os políticos: a quinta preocupación dos cidadáns (¿non senten rubor, damas e cabaleiros da política?). Miradas que son sempre a mesma mirada. Se fose cego, como Borges, miraría miradas na memoria. Sempre ollos. Aos candidatos temos a obriga de miralos aos ollos. Preguntarlles a eles, que nunca menten: dirán por qué, para qué e cómo. As miradas transparentes, dicía, serven para ganar «cachitos de cielo». Daría a vida por levantarme cada minuto, ¡ai!, cunha mirada cravada no adentro. Unha mirada que me mire con ollos namorados: da verdade, da vida, da «malavida» que vivo. Hai ollos que arrancan a dor. Ollos que iluminan o camiño, como unha canción. Ollos que salvan. Se termina o mundo eu sei que quedarán as miradas. As miradas, corazón. As miradas...