ESTÁ CLARO que a construción é un dos sectores máis importantes que axudan a manter viva e prosperar a economía do país. Trátase dunha actividade tan visible, que a súa efectividade queda totalmente contrastada. O ruído das máquinas inunda tódolos recunchos, os guindastres coroan o ceo, e os cascos brancos avanzan no traballo como formigas incansables. Os proxectos énchense con esquemas que evitan a creación de barreiras arquitectónicas. Pénsase na accesibilidade ás beirarrúas, na posibilidade de salvar desniveis, subir e baixar a distintos andares,... Únense deseño, funcionalidade e seguridade. Non queremos barreiras arquitectónicas, e a súa supresión estase a levar a cabo con certa rapidez, porque o custo non é elevado e trátase dun produto que vende . Tampouco queremos cruzar as vías ferroviarias guiados por barreiras, pero posto que a supresión dos pasos a nivel require un proceso máis complexo e custoso, que viste menos que traer o AVE a Galicia... agardamos. E o que é peor, calamos. ¿Ata cando? ¿Ata que volva ocorrer outro accidente coma o de Valga? Sexan cales sexan as causas da traxedia, do que non hai dúbida é de que o sistema actual (ASFA) que controla os cruces ferroviarios a nivel, non é totalmente efectivo. A nosa é unha das comunidades que máis interseccións deste tipo mantén. ¿Cantas mortes máis teñen que darse para conseguir a súa eliminación? ¿Que custo económico pode ser elevado comparado coa perda da vida humana? A semana pasada morreron abordados por un tren varios traballadores da construción. Este sábado xa non puideron celebrar o día da Seguridade Laboral no Traballo, porque o perigo que provoca o feito de ter que cruzar a nivel unha vía do tren, acabou por segarlles a vida. A seguridade non só ha de ser laboral, debe ser promulgada en cada aspecto da vida.