DAS VIVENDAS unifamiliares que producían arrepío estético no medio rural levamos camiño de pasar a un feísmo galaico estrutural capaz de modificar a traza de amplos espazos de costa. Ningunha das medidas dos últimos anos produciu os efectos que favorezan un desenvolvemento territorial sostible e respectuoso co entorno. As drásticas medidas de contención dos últimos meses, tan contestadas por uns como aplaudidas por outros son, en todo caso, a única chamada de atención e de esperanza para reconducir a desfeita que xa non se anuncia porque se ve. A paisaxe apréciase dende os outeiros. Planos e mapas só representan a realidade. Na Mariña, dende a golada de Noceda, Comado ou as penas de Abelaedo, encima de Reinante e A Devesa, entre Barreiros e Ribadeo, o espectador recibe unha lección do presente e unha advertencia para o futuro. Cara o oeste, en Barreiros, a rasa costeira é un enxame de obras que erguen edificios de traza urbana, esparexidos polas fincas de concentración, entre prados e terras a piques de abandonarse, de explotacións que fican sen superficie útil na terra con mellores condicións para a gandería de leite. Hai trinta anos comezaron a erguerse chalés na beiramar, hai vinte pequenos bloques dun piso, despois adosados, agora medran bloques urbanos no campo, sen servizos nin accesos. Máis lonxe, cara a pór do sol, a vila de Foz lembra o ballet de grúas da Potsdamer Platz cando comezou a reconstrución do Berlín reunificado. Cara o leste, no concello de Ribadeo, a rasa presenta aínda a súa paisaxe case intacta. A próxima apertura da transcantábrica amosará vistas gorentosas para os anceios de construción sen xeito. O debate da campaña das municipais roldará estas cuestións. O que se diga e se decida marcará o futuro e a demagoxia deambulará polos discursos. A contención non abonda, a chave está en ordenar o territorio: seleccionar qué espazos deben ser destinados a unha construción planificada e cáles preservados do remuíño destrutivo. Aspiramos a recibir máis turistas e atender as demandas de segunda residencia, pero temos que decidir cómo. A venda de paisaxe polas construtoras, grandes e pequenas, locais e foráneas, mesmo dirixidas por políticos con mando municipal, non é a solución. A subhasta do territorio ao mellor postor é o peor mecanismo posible, pero foi o usado ata agora. O uso residencial non pode ser o único nin é o máis rendible. Compite con outros usos produtivos e mesmo compatibles, cando non imprescindibles, para fomentar un turismo de calidade e con futuro. O límite está na propiedade e nos votos dos propietarios. Somos todos.