Pepe, nome galego formal

| XESÚS FERRO RUIBAL |

OPINIÓN

19 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A DISCUSIÓN por lle poñer a un meniño o nome Pepe nace da reticencia dos responsables do Rexistro Civil en España, que fan dubidar a funcionarios e xuíces e que, para a miña idea, carece de fundamento. Non o digo porque teñan aversión especial a Pepe e a Lola mentres teñen a manga ancha para nomes do máis extravagante exotismo, senón porque se fundamenta na, para min, falsa opinión de que Pepe é unha forma doméstica e familiar de Xosé e que se sustenta na teoría de que Pepe procede de P.?P. (supostas abreviaturas de pater putativus, pai oficial pero non real de Xesús). Eu sospeito que Pepe é tan anterior a Xosé, que resulta imposible que proceda daquel. En primeiro lugar, no principio do século X xa existía o apelido Pepiz (aparece en documentos do ano 921 de Ribas de Sil e en numerosos de Celanova, Samos, Santiago e Sobrado). Calquera entende que a existencia de Pepiz esixe a preexistencia de Pepe, como Rodríguez, Sánchez, Fernández e Núnez esixen a preexistencia de Rodrigo, Sancho, Fernando e Nuno. E eses nomes e apelidos medievais continúan hoxe vivos: no censo do 2001 aínda figuran, como materno ou paterno, 3 apelidos Pepi, 9 apelidos Pepe e 68 apelidos Pepín, a maior parte na cidade da Coruña. Máis aínda, agrade ou non ao Rexistro Civil, no ano 2001 xa había cinco galegos rexistrados co nome Pepe e dous deles deben de ter na actualidade máis de 70 anos: quere dicir que o Pepe non é cousa de agora. Polo tanto Pepe é nome propio, formal e independente dende hai máis de mil anos. E isto non ten nada que ver con que aos Xosés familiarmente tamén se lles chame Pepes, Pepuchos e outras formas cariñosas. O que importa é: ¿naceu o Pepe medieval galego de Xosé? A min paréceme que non, por unha razón simple: o culto a san Xosé iníciase en Oriente e está moi presente nos evanxeos apócrifos; pero a Occidente o culto tráeno beneditinos e bernardos, aínda que as primeiras igrexas dedicadas a el en Occidente probablemente sexan as italianas de Boloña (1129) e algunha en Sicilia (século XIII). O culto en España débese maiormente a santa Tareixa (1515-1582) e en Galicia, segundo os datos de Lema Suárez, como nome de persoa aínda se empeza a usar no século XVII. Aínda que acabou sendo o nome máis frecuente, é cousa recente; lémbrese que san Xosé non entrou nas ladaíñas dos santos ata Pío IX (1846-1878). O que para min é unha incógnita é de onde vén o Pepi medieval, que por veces se escribía Peppi. Quizais habería que poñelo en relación con nomes francos dos que saíu o Pipino, pai de Carlomagno: de feito nun documento de Liébana do ano 843 asinaban como testemuñas Pepini, Terenti e Alioni. Se non vou descamiñado, estes pais galegos están recuperando nomes galegos que teñen fundamento antroponímico e toponímico de, polo menos, mil anos.