Unha de máscaras

| MARÍA CANOSA |

OPINIÓN

19 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

QUE FESTA tan galega o entroido capaz de rexurdir das cinzas logo da Guerra Civil e parte da ditadura. É a Cibeles que cambia de pasarela, cos seus desfiles por corredoiras, rúas e avenidas. De Madrid pasa a Laza, Verín ou Xinzo, con deseñadores anónimos que aproveitan o «todo vale» en tecidos, modelos, cores e complementos. Non é difícil trocar colares de perlas por restes de chourizos. Brilla a inxenuidade dos cigarróns e peliqueiros sobre a elegancia das modelos. Menos mal que os malos agoiros para este carnaval non se cumpriron. Uns veciños denuncian o exceso de ruído, un xuíz ordena suspender o entroido de Tenerife, un cura cordobés ameaza coa excomuñón a unha murga ... Aquí as cousas son distintas. Tampouco é para substituír as bromas, o humor, a ironía ou a retranca polos insultos ou humillacións que anularían o festivo aínda contando coa tolerancia. E De Juana Chaos, ¿agóchase tras un disfrace? Quizais o da falsa mágoa pola súa debilidade física coa que pretende evitar a condena no cárcere. A frialdade permanente nos seus actos e declaracións é tan atroz que resulta imposible de ocultar con ningunha carauta. Así están as cousas. Hai quen está de entroido todo o ano, e hai a quen intentan desenmascarar precisamente estes días. O polémico xuízo polos atentados do 11-M debería esclarecer os acontecementos daquela fatídica data, e condenar sen miramentos aos executores. En Galicia, tamén temos outro xuízo pendente, este contra Laureano Ouviña, que en lugar do entroido só precisou dunha viga (como ninguén esquecería) para agochar as súas verdades . Vivamos esta festa popular en directo sen esquecer a lacoada, aínda que este ano os grelos son artigo de luxo, con ou sen denominación de orixe. Que sorte non ter que preocuparnos neste desfile polo índice de masa corporal.