O DOMINGO pasado tiveron en Portugal un referendo con escaso eco entre nós, pero que para eles era o remate dunha verdadeira batalla campal. A pregunta era sinxela: «¿Está de acordo coa despenalización da interrupción voluntaria do embarazo nas primeiras dez semanas, nun centro de saúde autorizado?». Pregunta sinxela, pero que tocaba un tema moi conflitivo para calquera persoa, e particularmente tabú para a Igrexa, que fixo maioritariamente unha virulenta campaña polo non, repetindo que dicir si era ser cómplices dun asasinato, e que convertía aos que fixeran tal en infanticidas. Igual de apaixonada, pero algo máis racional, foi a dos partidarios do si, que gañaron o referendo con case o 60% fronte ao 40 % do non, e unha alta abstención. O tema do aborto é sumamente delicado, pois atinxe a unha realidade tan fonda no ser humano como o respecto á vida. Calquera persoa con sentidiño sabe que non é o mesmo un aborto que unha operación de apendicite; nin sequera que este sexa un método de planificación familiar máis. A pregunta non era se está ou non a favor do aborto. O aborto é un mal. O que se preguntaba era si se debía castigar ás mulleres que abocadas a interromper o seu embarazo dentro dun prazo establecido pola lei, que ten relación co discutido comezo dunha vida humana. Por iso, tampouco debía supor un posicionamento en dous bandos enfrontados: católicos polo non, fronte a ateos polo si. O debate non debería situar a uns presuntamente defensores da vida, fronte a uns presuntamente defensores da morte. Fronte á acusación de criminais, moitas católicas e católicos portugueses, mesmo relixiosas, frades e curas, votaron si porque entenderon a resposta positiva como expresión de algo tan profundamente evanxélico como a compaixón , que non é tanto ter pena por alguén, senón poñerse no seu lugar, entrar no seu sufrimento, non xulgar senón asistir. Entenderon que votar si non era promover a práctica do aborto, senón axudar a milleiros de mulleres que se ven nesa situación dramática. Como Xesús no evanxeo: «Eu non te condeno, vai, e non volvas pecar». Nunca aconsellaría o aborto a ningunha muller; pero... sei que debo ter en conta que eu non son muller. É ela quen debe decidir algo tan grave.