O Libro Branco de Amoeiro

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

CANDO eu era rapaz, viña polas portas a Milagrosa. Era a imaxe da Virxe, que os veciños pasaban de man en man, un día e unha noite en cada casa, e que a miña avoa poñía na entrada do corredor, adornada con paniños de encaixe, flores de plástico e lampadiñas de aceite, con moita devoción e moito trato. O meu irmán e mais eu, antes de saír para o colexio, rezabámoslle un nosopai e unha avemaría pola alma da miña nai, que morrera uns anos antes, e outros pola saúde da familia, supoño que por algún apuro doméstico do que non tiñamos noticia, e mais pola sorte do tío Antonio, emigrante en Venezuela, do que chegaban cartas moi de cando en vez. Os veciños de Amoeiro, a terra fidalga de don Ramón Otero Pedrayo, veñen de discorrer unha fórmula parecida. Laica. Pero parecida. Trátase de facer circular un libro: o Libro Branco de Amoeiro, din, tamén de porta en porta, de casa en casa, no que os veciños, de xeito espontáneo, poderán escribir as súas memorias familiares, as súas lembranzas, os seus desacougos e as súas esperanzas (¿por qué non?), os seus apuros e as súas expectativas. «Un libro para a nosa historia», explican os promotores. «Un libro aberto e anónimo, que non coñece rúbricas, no que poidamos expresar os nosos desexos, os soños e os anhelos das persoas que formamos estes pobos de Amoeiro». A saber: Abruciños, Bóveda, Cornoces, Fontefría, Parada, Rouzós, San Pedro de Trasalba... A principios do século XX, Amoeiro contaba 4.500 habitantes. Hoxe son arredor de 2.300. O libro vén de iniciar o seu periplo (2 de febreiro) e a idea é que, logo de percorrer as casas todas, acollendo nas súas páxinas testemuños e relatos varios, contos vellos e novos, críticas e demandas, acabe sendo solemnemente recibido na casa grande de Cimadevila, a casa de don Ramón, ás 19 horas do 17 de maio, Día das Letras Galegas. Cando tal me contaron, irremediablemente lembreime da Milagrosa da miña infancia, de casa en casa tamén, a recoller súplicas e avemarías. Unhas demandas cumpríanse e outras non, supoño que coma será este caso, pero o grupo humano (a parroquia, o barrio) socializábase nestas cerimonias, apertábase arredor do símbolo (a santa milagreira) e a roda repetíase periodicamente unha ou dúas veces ao ano. Gústame esta iniciativa da xente de Amoeiro, a terra de don Ramón. Gústame esta idea das palabras, reunidas entre todos, destinadas a ficaren despois nese espazo de referencia que é a casa grande do señor de Trasalba: a música da tribo, concertada arredor do vello patriarca. De seguro que a Otero tamén lle agradaría esta ocorrencia dos seus paisanos, da que me acabo de enterar. Haberá historias vellas e haberá, abofé que si, reclamacións e demandas. Coma na Milagrosa da miña nenez, xa digo, entre flores e avemarías, unhas cumpriranse e outras non. Pero o rito da tribo, a música coral, tan pouco frecuente nestes tempos de individualismo e incertezas, de por si paga a pena.