SEGURO que Jacques Brel tamén lle cantaría a outra muller se soubese que, despois dunha vida de cardiópata, corenta anos co lado esquerdo paralítico e cincuenta amada polo home, quixo matarse cunha dieta de tomates o día que o médico lle dixo «tés ácido úrico». Os tomates van de medo para a gota. Algo antes, o cancro consumíralle ao home os sesenta días que ninguén sabía que lles quedaban xuntos, e a ela só lle dera tempo de soñalo morrendo a mesma mañá que, efectivamente, morreu. De golpe quedou soa, co lado inútil máis inútil, o corazón malo molestando, rosmando lembranzas sobre o amor e, enriba, agora, con ácido úrico. Empezou entón as horas de conversa coas tumbas do cemiterio, desde a ventá; e tamén ideou a trama: tomates frescos de xantar, salsa de tomate para almorzar, pan catalán á merenda, zume de tomate contra a sede... Ás veces, a inxenuidade proverbial da miña avoa, esta ultracatólica que na vida pensaría na eutanasia, levábaa a esa clase de paradoxos. Por sorte para a súa alma, o tomate non a matou, e o cura aliviou cando lle dixemos, uns meses despois, que morrera de pena. Na Galicia posguerreira da miña avoa, o París de Jacques Brel debía ser só a torre Eiffel, xente a facer perfumes todo o día e rapazas que xa nacían con medias de cristal. Pero Brel escribiría para a miña avoa se a coñecese nesa época, igual que escribiu para Madeleine Z., esa muller que os mandou a todos a tomar vento porque, a fin de contas, a quen lle doía o corpo era a ela. O corpo, cos corazóns molestos, parálises, dores e tremores, vontade, cordura. Que os corpos, corpos enfermos, eran seus. Un día cominlle o tomate á avoa e enfadouse comigo. As veces, de feito, creo que me manda a mala baba desde o Alén. Todo se herda; eu fareille o mesmo a quen me amole un bo plan: matar a dor con liberdade.