BRUXELAS é a Babel das linguas con que se manifestan os pobos do mosaico da Unión. Hainas mínimas, coma o esloveno ou o lituano, e máximas, coma o alemán ou o francés; reducidas ao seu recuncho, coma o checo ou o romanés, e proxectadas ao mundo, coma o portugués, o castelán e o inglés. ¿E que é o galego? Non unha lingua rexional, coma o catalán (que non ten Estado) ou o finés (que o ten). Teoricamente é unha forma minorizada de lingua proxectada por catro continentes. Mais ¿quen o minoriza? Desde Bruxelas, vendo e oíndo a desexada TVG, cabe pensar que a minorizan os galegos, sobre todo os presentadores co seu mal exemplo. A TVG fixo vinte anos e non foi capaz de se librar da súa pexa maior: a imitación do alleante, madrileño. Ben que uniu Galicia mostrándoa toda, pero faino nunha fala feble, incapaz de enraizar co idioma vivo no pobo, ao que lles cumpría liberar de castrapismos. Desde Bruxelas mal se entende que os galegos non defendan o idioma no que centos de millóns de persoas son capaces de definir a saudade. Ai, se vascos e corsos, búlgaros e letóns, gregos e holandeses... tivesen ao seu dispor catro continentes para entendelos, ¡como coidarían canto dixeren fronte ás cámaras!