Unha de comezos

La Voz

OPINIÓN

MARÍA CANOSA | O |

01 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

COMEZA o ano, e semella que todo é novo, ¡pero eu sinto tantas cousas vellas! Fidel non presenta máis que problemas de saúde que non se especifican, e seguimos con Sadam ás voltas, pensando no modo arcaico de castigo. A sinistralidade nas estradas tamén é cousa antiga; ou sexa, que as novas, ao contrario do que indica a propia palabra, xa son vellas. Quixera esquecelas neste novo ano. Non acontece iso coas institucións. A Real Academia Galega, por exemplo, xa é centenaria, aínda que semella que foi onte cando comezou a súa singradura. Ocorre o mesmo co meu avó e miña madriña, tamén institucións, pero doutro carisma. Xa pasaron de nove e oito décadas de camiño na vida cada un, e teñen a forza de espírito dun mozo. Quixera pasar con eles este novo ano, quixera que non me deixaran soa, coma dixo Roberto, un rapaz de Vigo que viu de preto a violencia de xénero, outra vella coñecida. Aínda ferido, foi quen de desarmar ao agresor de súa nai. Quixera que ningún adolescente máis tivera que suplicar coma el: «¡Mamá, por favor, non me deixes só!». Ocorreu logo da celebración da Noite Boa. ¡Ironías do destino! Quixera tamén que ningún neno ou mozo fose vítima ou verdugo de acoso escolar, tanto dos compañeiros coma dos mestres. As listas de bos propósitos para os vindeiros 365 días agroman por cada recuncho. Fanse balances nas empresas, nos estudos, nos telexornais, nas familias, nas parellas... Cada un ao seu xeito, en grupo ou individual, por escrito, de viva voz, ou mental. Co cambio de ano tamén mudamos de desexos, de forzas, de necesidades, de ilusións... Non cambiemos de tolerancia, da que é permisiva coas desgrazas que provoca a propia natureza, e implacable coas que nacen de mentes viles, porque as primeiras xorden e as outras prográmanse. ¡Triste diferenza!