Arroz de miudezas

OPINIÓN

HAI sabores que van con nós dende os nosos primeiros anos. E seguen vivos no tempo, na nosa memoria, e dalgunha maneira forman parte do noso ser. Isto pásame co arroz de miudezas ou de miúdos, ou da matanza, un sabor que non se asemella a ningún outro e que cada ano saúdo e celebro. Cheguei a pensar que ese arroz xa non era máis que unha lembranza miña, unha fermosa lembranza da infancia, ata que un parente me dixo que a súa muller o facía sempre pola matanza. De entón para acá son un convidado na súa casa e tamén na de outro amigo do Baixo Miño, onde o costume non se perdeu por agora. Prefiro ese arroz ao 95 por cen do que hoxe se escribe en Galicia -totalmente prescindible porque non dá para alimento do meu espírito- e, con el, recuperar os mellores anos da miña vida, á par que me permite mergullarme nunha cultura viva e certamente superior, disto non teño ningunha dúbida. Sen ningunha vergonza, despídome das mulleres que o fan dicíndolles: «Rapaciñas, non perdades as mañas, e que de hoxe nun ano».