Memoria do exilio

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

22 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

NO INSTITUTO Galego da Información, no alto de San Marcos, en Santiago, a casa de Isaac Díaz Pardo, o visitante ten a oportunidade de facer xustiza, reparar a memoria, reconstruírse arredor dunha magnífica exposición bibliográfica sobre a Guerra Civil e o exilio: unha mostra ordenada e exquisitamente presentada, coa austera elegancia á que nos ten afeitos Isaac, dalgunhas das máis significativas publicacións (periódicas e non periódicas) que dende 1936 ata a restauración da democracia en 1978 produciu o pensamento libre de Galicia dende o desterro (e en parte tamén do conxunto de España). En certo modo complementa esoutra mostra que, promovida pola Consellería de Cultura e comisariada por Henrique Acuña, pode admirarse tamén no Auditorio de Galicia. Hai poucos días viñeron visitarme uns alumnos para falar da memoria. Da memoria colectiva, quero dicir. ¿En que consiste exactamente isto da memoria? Pois en saber e en comprender. Saber que as cousas non xorden da nada, nin se producen no baleiro, senón que son o resultado de procesos (tamén manipulables); e entender, asemade, que para comprender o presente, e mesmo para construír o futuro, é fundamental dispoñer do coñecemento dos feitos do pasado. A exposición do IGI é magnífica. Non podo deixar de recomendar ao lector a súa visita antes de que a clausuren. Dende os primeiros debuxos de resistencia e rabia ( Trece estampas de la traición , de Luís Seoane, en 1937) aos traballos máis recentes de investigación da Universidade Autónoma de Barcelona, por exemplo, un dos centros onde primeiro e máis sistematicamente se empezou a recuperar a memoria dos exiliados; dende experiencias coma os Cuadernos de Ruedo Ibérico , auténtico mecanismo de contrainformación, concibido para contrarrestar a propaganda do réxime de Franco nos anos 60, que dirixía dende París José Martínez Guerricabeitia, a obras da envergadura de La guerra civil española de Hugh Thomas, El laberinto español de Gerald Brenan, ou monumentos coma o Correo literario ( 1943-1945), que dirixían en Buenos Aires Luís Seoane e Arturo Cuadrado. Recuperar a memoria significa reconstruír e reordenar os feitos. Tamén recuperar as voces, as persoas, as ideas, a dignidade dos que, en circunstancias moi difíciles e dende a distancia, souberon dar conta de si (e de todos nós). En palabras de Luís Seoane, auténtico xigante dese período, «ofrecer, coma nos petos das ánimas, un novo amor á liberdade».