Antialonso

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

18 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

SÍNTOME un becho raro. Son «el monstruo de Guatemala» que visitaba a miña vila en feiras e festas. Son a liña tanxente que non entra nunca na circunferencia, aquel que na misa, logo dun discurso emotivo do cura, non consegue chorar. O cura baixa e pregúntame: se todos os demais choran, ¿ti por que non choras? Contéstolle, sobriamente, eu non son desta parroquia. Non son desta parroquia, demo. Porque a min Fernando Alonso nin fu nin fa, nada. Incluso máis, creo que o muchachote Alonso é un dos paradigmas perversos desta España protodesenvolvida, rica e feliz. Comunican que a primeira causa de mortalidade entre os mozos é a velocidade. Van corenta e nove no país. Todos tiñan menos de vintecinco anos. Corren. Fan da velocidade un credo e do botellón unha disciplina elevada: matrícula de honor. Non compiten en circuíto, senón en estradas comarcais coa agulla a cento setenta. A maioría non le poesía, nin novela, e pensan que os escritores son estúpidos. Xa non escriben poemas de amor e nas paredes, en vez de declaracións apaixonadas (sempre recordo aquela: «Amo os teus lindos labios de chocolate») pintan vasos rotos. Saben, tamén, que o neopijismo compite por toda Europa con Ferraris e Porches: eses ricostontos que fan carreiras en estradas nacionais e que son multados, e pagan multa, e seguen correndo: porque teñen tanta pasta como escasas neuronas. A velocidade é unha relixión. É o Deus que todos veneran. Eu non me levanto con Alonso de madrugada. Prefiro quedarme no albor dun amencer de outono. Pensando que son un devoto da utopía. Que abril bica a pel de outubro. Que a chuvia deposita bicos en vez de lágrimas. Que hai luz na fin do túnel. Declárome, pois, antialonso. Aínda que Alonso non teña culpa de nada. Antialonso. E pido perdón, evidentemente.