Un buraco difícil de encher

OPINIÓN

NACEU coma un elefante, coma un xigantesco dinosauro, co seu enorme costelar aberto enriba do monte, pedindo de comer antes incluso de entrar en activo, e agora hai que atoparlle un sentido, unha razón de ser no horizonte inmediato. ¿Cerralo? ¿Dinamitalo? Non parece posible, francamente. O investimento é importante de máis como para que calquera pedise explicacións, logo do realizado e, sobre todo, logo do comprometido. Non faltaron voces advertindo, dende o principio, que o que inicialmente se anunciaba era unha décima parte do que ao final custaría o proxecto. E velaí está: a medio facer, agardando unha definición que no seu momento non se elaborou e que a sociedade demanda, porque os cartos, á fin, van saír da sociedade (de todos nós). En realidade, a Cidade da Cultura é unha gran metáfora, espello dunha maneira de entender o feito cultural, algo que máis dunha vez denunciamos tamén nestas páxinas: cultura-espectáculo, cultura-escaparate, cultura-envoltorio ou carcasa. O de menos é o que vai dentro. En definitiva, a cultura concibida non coma un discurso formativo, alimento fundamental para a construción das sociedades e dos individuos, senón coma un gran decorado. Debemos aspirar a algo máis. O desafío do novo Goberno consiste en saber darlle un sentido a todo isto. Entendo que tal é o compromiso do presidente en recentes declaracións. ¿Cómo concretar tamaño desafío (que hipoteca unha importantísima porcentaxe dos nosos recursos económicos en materia cultural para as vindeiras dúas ou tres décadas)? Este país non ten unha rede axeitada de bibliotecas (razoablemente dotadas, quero dicir), ten deficiencias obxectivas en hábitos de lectura, problemas de difusión e distribución cultural, eivas de información e de creación... Este país precisa de infraestruturas obxectivas para o mundo do libro, a exhibición cinematográfica, a produción teatral... Este país necesita espazos para a arte, factorías descentralizadas para a creación, investimento en información para saber de nós (noticia elemental do que sucede), relacións exteriores para proxectarnos cara a outros ámbitos culturais, formación de capital humano... Este país necesita servizos eficientes de arquivos e documentación, dinamización educativa, recursos para o ensino, bolsas para que os nosos creadores (ou aspirantes) se formen polo mundo adiante, fóra da endogamia... Poderiamos seguir. Con todas estas necesidades e demandas, velaí esa xigantesca mole, chantada no corazón de Galicia, ollada con desconfianza por uns e por outros, cando non con arrepío. Hai herdanzas malditas. Tamén é certo que, se se atina a reconducila, hai oportunidades que non teñen volta atrás.